
O obxectivo da intervención será delimitar a necrópole, documentar as tipoloxías das tumbas, así como realizar as análises correspondentes sobre os restos óseos que subministrarán información sobre condicións de vida, alimentación, enfermidades ou mobilidade das persoas alí enterradas.
Á fronte desta investigación atópase o profesor en arqueoloxía medieval na USC, José Carlos Sánchez Pardo, pertencente ao grupo SÍNCRISIS da Facultade de Xeografía e Historia, quen subliña que esta é unha necrópole singular na que a boa conservación dos restos óseos permitirá comprender os procesos sociais e económicos que estaban a ocorrer arredor da Idade Media na zona norte de Galicia. A necrópole, escavada parcialmente polo arqueólogo Abel Vigo, ten moito que dicir sobre as dinámicas sociais dos grupos que menos representados están nas fontes escritas, engade.
Cronograma
Os traballos desenvolveranse entre o 1 e o 14 de agosto en colaboración coa empresa de arqueoloxía Tempos Arqueólogos, e co Concello de Mondoñedo. O arqueólogo municipal Abel Vigo, colaborador do proxecto, e o veciño Miguel Chao, dono dos terreos onde se atopa a necrópole e descubridor da mesma, explicaron nunha xuntanza recente ao equipo da USC, que se desprazou ata Mondoñedo, como foi a intervención de urxencia do ano 2013. Durante o transcurso desta reunión elaborouse un plan de estudo que permitirá levar a cabo a escavación que está a piques de iniciarse.
A actuación contará cun grupo de investigadoras e investigadores asociados á arqueoloxía medieval galega. Nesta fase da investigación realizaranse tres sondaxes ampliables que permitirán delimitar a área de enterramento dos individuos, comenta a arqueóloga Celtia Rodríguez González, doutora en arqueoloxía medieval e directora da intervención. A delimitación e documentación de todo o conxunto funerario será fundamental para as futuras fases do proxecto que permitirán coñecer dunha maneira interdisciplinaria como eran e como se relacionaban estas persoas que viviron na época medieval no norte do territorio de Galicia, matiza.
De igual modo, nesta investigación tamén estará presente Laura Blanco Torrejón, co-directora en campo e doutora en necrópoles altomedievais A necrópole de Combarro é un bo exemplo para analizar as tumbas delimitadas por laxas que se documentaron en sepulturas vinculadas á Alta Idade Media no territorio, explica.
O estudo desta necrópole contará co bioarqueólogo galego Patxi Pérez Ramallo, quen xa elaborou un informe preliminar sobre a muller atopada nesta necrópole na escavación de urxencia dirixida por Abel Vigo. A muller tiña uns 35-45 anos, e presentaba desgaste dental, o cal parece indicar que a súa dieta baseábase sobre todo na inxesta de cereais como o millo, indica o bioarqueólogo da Universidade do País Vasco.
O equipo técnico tamén contará con investigadores e arqueólogos asociados á empresa de arqueoloxía Tempos Arqueólogos cunha ampla experiencia neste tipo de contextos funerarios. Esta intervención é unha oportunidade para coñecer o pasado medieval aproveitando a boa conservación dos restos óseos, comenta Franciso Alonso Toucido, doutor en arqueoloxía medieval e xestor da empresa.
Esta intervención vincúlase ao proxecto Ecoloxías e economías locais na Alta Idade Media (ECOLOC), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e á investigación Arqueoloxía das paisaxes monásticas na Galicia altomedieval (ARPAMED) financiado pola Axencia Estatal de Investigación a través da convocatoria do Plan Nacional Xeración de Coñecemento 2020.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.