Actualidad de Cultura

Noticias cultura

A sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago converterase esta semana nun “resort vitivinícola” para acoller a premiada comedia O furancho, da compañía Ibuprofeno Teatro. Marián Bañobre e Isabel Risco son as protagonistas desta montaxe, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, que poderá verse en Compostela do xoves 21 ao domingo 24. Marián Bañobre encargouse de deseñar o vestiario, ademais da escenografía xunto a Santiago Cortegoso, como parte do equipo artístico do que tamén formaron parte Carmela Bueno (movemento escénico), Salvador del Río (deseño de iluminación) e Radio Cos (música), entre outros profesionais.
O Festival Internacional de Teatro Universitario alcanza este ano a súa vixésimo quinta edición cunha nova programación que se desenvolverá entre o martes 19 e o venres 22 coa participación de compañías galegas, de Italia e Lituania. Organizado pola Aula de Teatro da USC, o festival conta un ano máis co respaldo da Deputación da Coruña. O Festival subirá o pano o martes 19 da man da Compañía da Aula de Teatro da USC coa representación de ‘A muller que tiña medo e marchou vivir ao Carrefour’, cunha duración de 47 minutos. A obra propón unha reflexión sobre o medo e como este pode condicionar a vida das persoas.
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)- Filmoteca de Galicia inicia o vindeiro martes 19 o ciclo Tan poderoso coma o amor, titulado como o libro que o escritor coruñés César Antonio Molina acaba de publicar no selo Destino. Este volume afonda no sentimento amoroso a través dunha escolma de cen clásicos do cinema mundial que van desde Camille (1921), de Ray C. Smallwood, ata La correspondencia (2016), de Giuseppe Tornatore, e que lle serven ao seu autor para reflexionar sobre o amor en clave filosófica, analizando como a sétima arte tratou o tema practicamente desde o seu nacemento. Con tal motivo, o escritor e os programadores da filmoteca galega seleccionaron os 11 títulos deste programa entre as películas do devandito volume.
A Cidade da Cultura de Galicia bota a andar hoxe a segunda semana de ‘Escenas do cambio’, o festival de inverno de teatro, danza e arte en acción do Gaiás, e faino cunha peza creada ‘ex profeso’ para a escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego por Isidoro Valcárcel (Murcia, 1937), un dos pioneiros da ‘performance’ en España e que conta cunha traxectoria creativa de máis de 40 anos que lle valeu os máximos recoñecementos como son o Premio Nacional de Arte e Premio Velázquez de Artes Plásticas. A presenza de Isidoro Valcárcel completouse cun obradoiro durante a primeira semana do festival.
O Centro Dramático Galego (CDG) contará cun elenco integramente feminino para a súa nova produción propia, Neorretranca e posmorriña, que se estreará o vindeiro 11 de abril no Salón Teatro de Santiago de Compostela baixo a dirección escénica de Gena Baamonde. As intérpretes Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde foron as seleccionadas para encarnar todos os personaxes das dúas pezas que lle darán forma ao espectáculo: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte.
A primeira rolda de votacións das e dos académicos galegos sitúa aos filmes A sombra da lei e Trote como as producións máis votada entre as 167 que se presentaron aos XVII Premios Mestre Mateo, acaparando 15 candidaturas cada unha. A unha certa distancia sitúanse a serie O sabor das margaridas con 8, a longametraxe Contou Rosalía con 7, e o programa Land Rober Tunai Show e o documental Versogramas con 4 cada unha. A sombra da lei opta a facerse co galardón á mellor longametraxe, mellor dirección para Dani de la Torre e todas as categorías profesionais ás que optaba -dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e perruquería, montaxe, son, música orixinal e vestiario-.
O Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, ‘Escenas do cambio’, levanta mañá o pano no Gaiás para dar a coñecer durante dez días as propostas máis innovadoras e arriscadas das creacións da vangarda internacional —Vera Mantero, Ligia Lewis, Tino Sehgal, María Salgado & Fran MM Cabeza de Vaca, François Chaignaud, Marco Berrettini e MOTUS—; da española —Esther Ferrer e Isidoro Valcárcel— e como non, da galega.
Iníciase a andaina exterior do catálogo Shorts from Galicia 2019 no Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand (Francia), o principal encontro internacional para os profesionais que se dedican á produción, difusión e distribución de curtametraxes. Realizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a pubicación ofrece na súa nova edición unha escolma de seis títulos: Maullidos de látex, de Brian Rodríguez; Limbo, de Daniel Viqueira; Soy una tumba, de Khris Cembe; A nena azul, de Sandra Sánchez; La noche, de Martín Romero; e El Espectrorum, de Judith Adataberna. Ademais, a curta de animación Soy una tumba foi seleccionada polo festival de Clemont-Ferrand para competir dentro da súa sección internacional.
FEST Galicia compite na candidatura de mellor activación de marca xunto a outros nove finalistas nesa mesma categoría, entre os que se atopan as campañas desenvolvidas por importantes firmas comerciais, algunhas delas mesmo en eventos galegos, como son Super Bock no SonRías Baixas e Estrella Galicia no Festival Sinsal. No caso de FEST Galicia, a valoración realizouse sobre o traballo global levado a cabo durante o pasado verán nos seus 10 festivais galegos adheridos, a través de accións relacionadas coa sostibilidade ambiental, a igualdade, a promoción da lingua e a difusión de programas destinados á mocidade. Os Iberian Festival Awards premian o labor dos festivais que se organizan en España e Portugal, seleccionando 10 entidades en cada categoría.
ArtesaCía traballa esta semana na sede do Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro de Santiago, onde desde o día 31 ao domingo 3 de febreiro representará a comedia Chola a it girl. Farao como unha das cinco compañías que participan esta temporada no programa de residencias artísticas da compañía pública, que pon á súa disposición as instalacións da súa sede e o apoio do equipo técnico para ultimar ou perfeccionar as súas propostas. No caso de ArtesaCía, a peza teatral Chola a it girl forma parte do proxecto transmedia Chola&Lola, con creación, dirección e interpretación de Laura Villaverde.
| 104,4  de  289 | Siguiente »

Notas cultura

O ciclo Cultura no Camiño programará durante o mes de setembro 44 actuacións escénicas e musicais como peche da súa sexta edición, que deu comezo a mediados de abril para ofrecerlle 340 citas culturais ao público de 103 municipios das rutas xacobeas. A música protagoniza o arranque da súa carteleira de setembro, coas actuacións o sábado de Rosa Cedrón, en formato dúo, nas instalacións da Piscina Municipal de Carral, e do Coro Encaixe en Sarria, no Paseo do Malecón, o mesmo lugar que o espectáculo de circo Ghop!, de Teatro ó Cubo.
A XII edición do Festival Arteficial ofrecerá aos asistentes máis de doce horas de música en directo en catro espazos do conxunto histórico de Ribadavia, o vindeiro sábado, 1 de setembro. A presentación desta celebración cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e os membros da Asociación Arteficial, Uxía Estévez, Alba Doval e Quique Rodríguez.
O ciclo Monumenta, andar con arte achégase o sábado 25 a Palas de Rei para realizar a andaina 'Emilia Pardo Bazán e os Pazos de Ulloa'. As terras da familia homónima e o castelo de Pambre, articulan a actividade, que contará co arqueólogo Santiago Vázquez Collazo e representantes do Instituto de Estudios Ulloáns para acompañar e ilustrar aos camiñantes.
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a convocatoria de axudas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) no curso académico 2018/2019. Preténdese con estas axudas mellorar as perspectivas dos universitarios en paro para a súa incorporción ao mercado laboral.
Estase a celebrar ao longo deste 2018 o Ano do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa, tal e como establece o Plan director do Camiño de Santiago. Neste marco, ao longo de todo o mes de agosto, o Goberno autonómico vén promovendo estes itinerarios no país veciño a través da exposición fotográfica en 3D De mar a mar que pode verse na cidade portuguesa de Coimbra.
O próximo luns, día vinte, ás oito do serán, no Museo comarcal da Fonsagrada vaise inaugurar a exposición “MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emigrante galego-poeta obreiro”, e presentarase o libro “MANUEL RODRÍGUEZ LOPEZ, 25 ANOS DESPOIS”, que recolle medio cento de traballos literarios sobre o escritor de Paradela que foi e segue a ser ponte entre os galegos da terra e os da emigración en Catalunya.
O programa de dinamización da lectura Ler conta moito achega neste mes de agosto 56 actividades a 35 concellos de toda Galicia. A convocatoria de axudas deste ano, dotada con 195.000 euros, e que se resolveu en maio, posibilita que 228 bibliotecas e axencias de lectura municipais de 173 municipios se beneficien ata finais de outubro das actividades que ofrece este proxecto.
As artes escénicas galegas teñen unha nova cita no Carballiño, do 22 ao 24 de agosto, con motivo da celebración da XXIX edición do Festival de Teatro Galego (FETEGA), que foi presentada hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; e a directora do FETEGA, Josi Lage.
O IV Festival Intercéltico O Son do Pazo terá lugar os días 31 de agosto e 1 de setembro no municipio pontevedrés de Mos, cun cartel que conta con actuacións coma as de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Leilía, o grupo irlandés Backwest e a banda de gaitas Airiños do Castelo, así como cos concertos de H2folk, Xulio Lorenzo e Andoa.
Un total de 27 expositores do oficio da olería participan este ano na XXIV Mostra de Alfaroleiros, con demostracións e venda de produtos. Xunto aos artesáns galegos de Buño, Niñodaguia, Gundivós, Bonxe, Salvaterra de Miño e Brión toman parte tamén oleiros de Toledo, Castellón, Xaén, Granada, Córdoba, Segovia, A Rioxa, Badaxoz, Zamora, Cáceres, e Portugal. Este ano a olería convidada é o Centro Alfarero de Candelaria Casa Las Miquelas de Santa Cruz de Tenerife.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES