Noticias

Isidoro Valcárcel ofrece en 'Escenas do cambio' unha peza creada 'ex profeso' para a escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego

A Cidade da Cultura de Galicia bota a andar hoxe a segunda semana de ‘Escenas do cambio’, o festival de inverno de teatro, danza e arte en acción do Gaiás, e faino cunha peza creada ‘ex profeso’ para a escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego por Isidoro Valcárcel (Murcia, 1937), un dos pioneiros da ‘performance’ en España e que conta cunha traxectoria creativa de máis de 40 anos que lle valeu os máximos recoñecementos como son o Premio Nacional de Arte e Premio Velázquez de Artes Plásticas. A presenza de Isidoro Valcárcel completouse cun obradoiro durante a primeira semana do festival.

Deste xeito, ás 19 horas, poderase ver unha peza única e irrepetible por parte duns dos artistas plásticos e conceptuais con máis prestixio en España, alcanzado grazas a propostas arriscadas nas que a critica valora o seu rigor e coherencia, á vez que o seu compromiso coa ética e afastadas dos aspectos comerciais da arte. Esta intervención artística —para a que están todas as entradas vendidas— rematará cun encontro co coñecido comisario de arte Juan de Nieves, con entrada de balde previa retirada de convite no mesmo Museo do Pobo Galego.

A presenza de Isidoro Valcárcel en ‘Escenas do cambio’ tamén se completou cun obradoiro durante a primeira semana do festival, que lles permitiu aos e ás participantes contar cun mestre de luxo, cunha traxectoria ampla e referencial para varias xeracións de artistas en España e que se caracteriza por unha arte arriscada que fai pensar ao espectador, á vez que o sorprende.

Peza con adolescentes non profesionais

A programación de ‘Escenas de cambio’ continuará este xoves, día 14, con ‘Gatillo da felicidade’ (‘Trigger of happiness’), dos aclamados portugueses Ana Borralho e João Galante. Os creadores do exitoso ‘Atlas’, que se puido ver na edición de 2015 do festival, subirán ao escenario do Teatro Principal de Santiago a adolescentes non actores de Compostela —con idades comprendidas entre 18 e 23 anos— para que expoñan o seu xeito de ver e entender a vida, nunha posta en escena orixinal e cun punto perturbador, ao emular unha especie de ruleta rusa, pero cunha pistola de polvos de cores.

Esta segunda quenda da programación do festival permitirá ver a destacados artistas da danza contemporánea internacional como Alessandro Sciarroni, Tino Sehgal e Ligia Lewis. Estes dous últimos serán serán os encargados de pechar ‘Escenas do cambio’ con ‘Sans titre (2000)’ e ‘Minor matter’, respectivamente, e que suporá ver por primeira vez en España dúas obras emblemáticas das carreiras destes artistas xa consagrados na escena internacional.

Máis peso da danza

Coa presenza destes referentes, o festival confirma nesta quinta edición a súa aposta por que a danza sexa cada vez máis protagonista no festival, cun evidente peso no programa tanto en cantidade como en calidade, xa que o venres poderase ver xunto a ‘Chroma (35’)’, de Alessandro Sciarroni —Premio León de Ouro pola súa carreira na Bienal de Venecia— o orixinal traballo de Flora Détraz en ‘Tutuguri’ e o vestido-danzante de Ola Maciejewska en ‘Loie Fuller: Research’.

R., 2019-02-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES