Notas de prensa

A cuarta edición do festival intercéltico 'O Son do Pazo' ofrecerá actuacións como as de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre e Leilía

O IV Festival Intercéltico O Son do Pazo terá lugar os días 31 de agosto e 1 de setembro no municipio pontevedrés de Mos, cun cartel que conta con actuacións coma as de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Leilía, o grupo irlandés Backwest e a banda de gaitas Airiños do Castelo, así como cos concertos de H2folk, Xulio Lorenzo e Andoa.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, aproveitou a presentación do festival para destacar o papel local na dinamización da cultura en Galicia. Para Anxo Lorenzo, o papel de entidades como o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, organizador do evento, e do concello de Mos, que apoia o festival, son un exemplo do labor fundamental desempeñado polas organizacións e administracións locais de Galicia para favorecer unha programación cultural de calidade, multidisciplinar e dirixida a todos os públicos, o que permite avanzar na dinamización e no desenvolvemento da cultura galega, en estreita colaboración e coordinación coa Xunta de Galicia.

No acto de presentación do festival participaron tamén a presidenta do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, Juana María Moreno, e a alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo.

A Secretaría Xeral de Cultura colabora coa celebración deste festival intercéltico que chega á súa cuarta edición convertido en referencia do calendario de festivais do verán galego, grazas á calidade artística dos músicos que participan, así como á procura de conexións con outras culturas, como se constata este ano coa presenza do grupo irlandés Backwest.

Concertos e programación paralela

A banda de gaitas Airiños do Castelo, anfitrioa do festival, abrirá os concertos o día 31 de agosto, a partir das 22:30 horas, seguida de Leilía. H2folk pechará a oferta musical da xornada de inauguración. Para o sábado 1 de setembro quedan as actuacións de Xulio Lorenzo e Backwest, preludio do concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. A noite pecharase coa banda folk Andoa.

O festival complétase cun amplo programa de actividades paralelas que se levan a cabo durante o día, como a mostra de instrumentos e traxe tradicional, a entrega dos Premios Mestre Machiño, que recoñecen o labor dunha persoa ou entidade que traballase arreo a prol do folclore galego e que lembra a figura de Alejandro González López, Machiño, mestre de baile galego da agrupación organizadora do festival. Un obradoiro de baile galego, actividades de animación infantil e unha sesión vermú a cargo do grupo A Vacaloura Vermella, vello coñecido do festival, enriquecen a proposta da cuarta edición do festival O Son do Pazo.

O festival celébrase nas inmediacións do Pazo de Mos, organizado polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, co patrocinio do Concello e a colaboración da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia.

Festival O Son do Pazo, 2018-08-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES