
As dez superaron un proceso de selección ao que se presentaron medio cento de aspirantes e conforman un elenco moi variado en canto á formación e á traxectoria das súas integrantes en ámbitos como o teatro, as artes do movemento ou o audiovisual. O vindeiro luns iniciarán os ensaios xunto a Gena Baamonde e o resto do equipo artístico, tamén maioritariamente feminino.
Así, xunto ao persoal técnico do CDG, participarán nesta nova produción Marta Pazos, a cargo do deseño da escenografía; Saturna, do vestiario; Esther Quintas, da caracterización; Wilma Moutinho, da iluminación; Ailén Kendelman, da música e do adestramento vogal; María Cabeza de Vaca, da coreografía e do adestramento físico; e Rosa Moledo, da asesoría lingüística. Contarase, ademais, con Iria Azevedo como asistente de dirección; Carmen Triñanes, de escenografía; María Alonso Velázquez, de música e adestramento vogal, e Hugo Torres, de produción.
O común denominador dos dous textos de Neorretranca e postmorriña é a identidade galega, sobre a que ofrecen dúas olladas diferentes a modo de colaxe. En palabras da súa directora, Fantasía nº 5 en sol ou non preséntase como unha fantasía aberta ao xogo escénico, catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer, mentres que Boisaca ou a divina desgraza é humor negro en cemiterio turístico nun tour completo polos límites da vida.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.