
A partir de textos e dirección de Roberto Salgueiro, ten unha duración de 47 minutos e é apta para todos os públicos. O reparto intégrano, por orde de intervención, Lara Pouso, Xiana Fole, Antía González e Inma Fernández. Completan o elenco Gerardo Fuentes (cartel e programa) e Javier López Jorge (piano).
O mércores 20 subirá ao escenario un grupo da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia coa obra Para. Ela, dramaturxia elaborada a partir de textos de Eurípides, Calderón de la Barca e outros cunha duración de 60 minutos. A Teatras Studija Palèpè Vilniaus Gedimino Technikos Universitetas de Lituania representará o xoves 21 a peza Icarus de Justinas Marcinkevičius. Terá unha duración estimada de 70 minutos e subtítulos en castelán. Para completar o programa, o venres 22 Piccola Compagnia Impertinente de Italia interpretará The chinese whispers de Pierluigi Bevilacqua, cunha duración aproximada de 55 minutos.
Todas as representacións desenvolveranse no Teatro Principal ás 21.00 horas con entrada gratuíta previo paso polo despacho de entradas. As entradas poderan retirarse dende as 18.00 horas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.