Noticias

O escritor César Antonio Molina enxalza o sentimento amoroso a través dun ciclo de cine no CGAI

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)- Filmoteca de Galicia inicia o vindeiro martes 19 o ciclo Tan poderoso coma o amor, titulado como o libro que o escritor coruñés César Antonio Molina acaba de publicar no selo Destino. Este volume afonda no sentimento amoroso a través dunha escolma de cen clásicos do cinema mundial que van desde Camille (1921), de Ray C. Smallwood, ata La correspondencia (2016), de Giuseppe Tornatore, e que lle serven ao seu autor para reflexionar sobre o amor en clave filosófica, analizando como a sétima arte tratou o tema practicamente desde o seu nacemento. Con tal motivo, o escritor e os programadores da filmoteca galega seleccionaron os 11 títulos deste programa entre as películas do devandito volume.

Ditas películas son de interese para a cinemateca da Xunta por non terse exhibido aínda na súa sala ou por contar con recentes copias restauradas.

Presentación polo propio autor

É o caso de La sirena del Mississippi, de François Truffaut, a fita coa que o ciclo arranca o vindeiro martes nunha sesión que será presentada polo propio César Antonio Molina. As portas do CGAI abriranse ás 20,00 h. para escoitar a súa reflexión arredor deste filme e da relación entre os seus protagonistas, que explica no libro citando a Safo: “Foi Safo quen xa falou primeiro de Eros como algo doce e amargo; ou algo xélido, xeado, como en Sófocles (Os amantes de Aquiles), que tamén queima. Amor (Louis) e odio (Marion)”.

Neste ton continúa co resto das cintas incluídas no ciclo, no que hai unha notable presenza de cinema clásico hollywoodiano. Así, o tema da femme fatale é abordado en Perdición, de Billy Wilder (27 de febreiro), figura que Molina compara coa demonoloxía xudia, encarnándoa en Lilit. E paixón similar pode atoparse en Amanecer, de F.W. Murnau (20 de febreiro). O escritor di estar namorado de Marlene Dietrich en Ángel, de Ersnt Lubitsch (21 de febreiro), todo un mito fílmico “ligado á forza embelesadora e arrebatadora da propia imaxe cinematográfica”. Pero en troques de muller sedutora, neste caso trátase máis ben dunha muller liberada, ou dunha que intenta selo.

Mais o cine moderno tamén se abre paso nesta selección, con Pier Paolo Pasolini pechando o mes coa súa adaptación de Edipo Rey (28 de febreiro), do que Molina remarca o poso freudiano do mito na versión do italiano. Marzo comezará con Breve encuentro, de David Lean, onde se indaga entre a relación entre amor e desexo, e continúará cun dos grandes clásicos do cine español, El sur, de Víctor Erice. Sobre ela, incide na punzada deses amores que habitan nos recordos e que parecen vivir suspendidos no tempo, agarrotándonos como persoas, non permitíndonos avanzar.

Triloxía de Richard Linklater en marzo

O paso do tempo é un dos grandes temas de Tan poderoso como el amor. O libro trátao especialmente ben coa triloxía de Richard Linklater composta por Antes del amanecer (1995), Antes del atardecer (2004) e Antes del anochecer (2013). En cada capítulo, separado por nove anos, o director americano preséntanos un momento moi preciso na vida dunha parella, dende que se coñecen ata, cando xa maduros, teñen fillos e unha crise.

É unha estratexia similar á que executara Ingmar Bergman con Secretos de un matrimonio (1973) e Saraband (2003), só que aquí o tempo que pasaba eran tres décadas. Logo de proxectar a versión televisiva completa da primeira recentemente, o CGAI completará este ciclo con Saraband, tamén incluída no libro de César Antonio Molina.

R., 2019-02-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES