Noticias

As longametraxes A sombra da lei e Trote suman 15 candidaturas cada unha na carreira polos Mestre Mateo

A primeira rolda de votacións das e dos académicos galegos sitúa aos filmes A sombra da lei e Trote como as producións máis votada entre as 167 que se presentaron aos XVII Premios Mestre Mateo, acaparando 15 candidaturas cada unha. A unha certa distancia sitúanse a serie O sabor das margaridas con 8, a longametraxe Contou Rosalía con 7, e o programa Land Rober Tunai Show e o documental Versogramas con 4 cada unha. A sombra da lei opta a facerse co galardón á mellor longametraxe, mellor dirección para Dani de la Torre e todas as categorías profesionais ás que optaba -dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e perruquería, montaxe, son, música orixinal e vestiario-.

Tamén compiten Michelle Jenner e Luis Tosar pola mellor interpretación protagonista e Adriana Torrebejano e Ernesto Alterio polas de reparto.

Trote, pola súa banda, opta a 15 candidaturas en 13 categorías diferentes. Entre elas atópanse a de mellor longametraxe ou mellor dirección e mellor guión para Xacio Baño, que comparte esta última con Diego Ameixeiras. Alén disto, tamén dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, maquillaxe e perruquería, montaxe, son, vestiario e 5 candidaturas nas interpretativas: reparto para Melania Cruz, Tamara Canosa e Celso Bugallo e protagonistas para María Vázquez e Fede Pérez.

A Academia Galega do Audiovisual anunciou esta mañá, nun acto conducido por Nieves Rodríguez e Adrián Díaz no Centro Ágora da Coruña, os nomes dos proxectos e profesionais finalistas en cada unha das 25 categorías da XVII edición dos Premios Mestre Mateo, que se entregarán o sábado 2 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, nunha gala dirixida pola guionista, actriz e directora Sonia Méndez.

Buscadores de naufraxios, Land Rober Tunai Show, Malo será! e Zig Zag Fin de semana compiten polo premio ao mellor programa de TV, mentres que María Solar, Marta Doviro, Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez fan o propio polo de mellor comunicador/a. Os Mariachi, Serramoura e Viradeira disputarán o de mellor serie coa xa mencionada O sabor das margaridas. E, entre os documentais presentados, as académicas e académicos elixiron como finalistas Idénticas, O caso Diana Quer 500 días, Tódalas mulleres que coñezo e Versogramas.

A nena azul, Beautiful boy, Limbo e Mouras son as finalistas na categoría de mellor curtametraxe de imaxe real; Fin de la cita, Luscofusco, Peixes e Soy una tumba na de mellor curtametraxe de animación; Comparte a maxia, Donde empieza tu piel, Larseiros e Ti na de mellor anuncio; e Ahora o nunca (Pegatina feat Macaco), El astronauta que vio a Elvis (Love of Lesbian), Eu non sei porqué (Boyanka Kostova) e La gran ola (Delafé) na de mellor videoclip.

A actriz Rosa Álvarez (Sea Bests) compite polo premio á mellor interpretación feminina protagonista coas xa mencionadas María Vázquez (Trote), Melania Cruz (Contou Rosalía) e Michelle Jenner (A sombra da lei). Pola súa banda, enfróntanse na categoría de mellor interpretación masculina protagonista Antonio Durán “Morris” (Os Mariachi), Luis Tosar (A sombra da lei), Toni Salgado (O sabor das margaridas) e Xosé A. Touriñán (Land Rober Tunai Show).

Optan ao premio á mellor interpretación feminina de reparto Adriana Torrebejano (A sombra da lei), Beatriz Serén (Pazo de Familia), Melania Cruz e Tamara Canosa (ambas por Trote); mentres que na categoría de mellor interpretación masculina de reparto compiten Celso Bugallo (Trote), Denis Gómez (O sabor das margaridas), Ernesto Alterio (A sombra da lei) e Fede Pérez (Trote).

R., 2019-02-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES