
O traballo de Cembe súmase, así, a destacada listaxe de traballos galegos que competiron nos últimos tempos por algúns dos premios da mostra francesa, como Matria, de Álvaro Gago, en 2018; Decorado, de Alberto Vázquez, en 2017; ou Ser e voltar, de Xacio Baño, en 2015.
Como en anos anteriores, Shorts from Galicia a marca da Xunta para a difusión das curtametraxes galegas estará presente na 34ª edición do mercado profesional asociado ao festival, que se desenvolve desde hoxe e ata o vindeiro xoves 7. O audiovisual galego acode a este Marché du Film Court dentro do espazo xeral Shorts from Spain, coordinado polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA). Del forman parte tamén outros organismos autonómicos e entidades de Andalucía, Aragón Canarias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura, Madrid e País Vasco, ademais de varias das principais distribuidoras españolas no ámbito das curtametraxes.
Publicación e vídeo promocional
Desde este espazo estase a difundir entre os profesionais acreditados (representantes de produtoras, distribuidoras, televisións, festivais e axentes de vendas internacionais) tanto a nova edición do catálogo Shorts from Galicia, así como o vídeo promocional de 2019. As seis curtametraxes que lle dan forma foron elixidas por unha comisión especializada tras unha convocatoria pública aberta pola Agadic, á que se presentaron unha trintena de traballos de realizadores galegos. Seguindo un criterio artístico, a través desta escolma búscase dar conta do bo momento creativo do noso audiovisual.
O de Clermont-Ferrand é o primeiro dos encontros profesionais nos que o cinema galego conta con representación este ano no marco do programa de internacionalización desenvolvido pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Agadic. A seguinte cita deste calendario será o European Film Market de Berlín (Alemaña), que se celebrará a partir deste xoves en paralelo á Berlinale.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.