Actualidad de Cultura

Noticias cultura

Tras a experiencia positiva do ano pasado, este ano volve celebrarse en Santiago o II Congreso Internacional O Camiño do Medievalista baixo o lema “Et Ultreia” que tradicionalmente os peregrinos do Camiño de Santiago adoitaban para incentivarse no esforzo de ir ‘máis aló’ ata chegar á tumba do Apóstolo. O encontro terá lugar no Paraninfo da Universidade compostelá entre os días 24 e 26 de abril e conta co apoio e a colaboración da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares, a Universidade de Santiago de Compostela, o Departamento de Historia da USC e o Centro de História da Sociedade e da Cultura da Universidade de Coimbra. Están previstos tres relatorios de recoñecidos especialistas no ámbito dos estudos filolóxicos, históricos e artísticos dedicados á Idade Media.
O Centro Dramático Galego (CDG) inicia os Domingos de Conciliación asociados á representación da súa nova produción propia, Neorretranca e posmorriña, no Salón Teatro de Santiago. Trátase dun servizo gratuíto pensado para que os nenos gocen dun taller de artes escénicas mentres os seus maiores asisten ao espectáculo. Elea López, colaboradora habitual nas actividades infantís desenvolvidas polo Centro Dramático Galego, volverá ser a encargada de impartir estes obradoiros na Fundación Granell, onde os cativos pasarán unha tarde entretida con xogos arredor dos monicreques, teatro de sombras e outras actividades relacionadas co oficio escénico.
A Mostra Primavera en Danza de Carballo celebrará a súa décimo sétima edición do 26 de abril ao 12 de maio cunha carteleira que inclúe cinco citas coreográficas programadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. No Pazo da Cultura carballés terán lugar as actuacións de Entresoños, de Fran Sieira (26 de abril); Pink Unicorns, de La Macana en coprodución co Centro Coreográfico Galego (27 de abril); Plastic, de Paula Quintas (3 de maio); La desnudez, de Daniel Abreu (4 de maio), e Gaia, de Entremans (5 de maio). Como peche especial, o 12 de maio terá lugar unha gala de baile tradicional.
O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este xoves día 11 no Salón Teatro de Santiago a súa nova produción propia, Neorretranca e posmorriña, dirixida por Gena Baamonde e interpretada por un elenco de 10 actrices. Baixo este título, a compañía pública pon en escena as pezas Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte, que lle ofrecen ao público dúas olladas moi diferentes arredor da identidade galega como punto de partida común. Este eixo temático compartido é o resultado da participación de ambos os autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, do que formaron parte xunto a outros 10 integrantes e baixo a coordinación do escritor e director teatral Manuel Lourenzo.
O mercado MIPTV arranca hoxe na localidade francesa de Cannes, ata onde se desprazou unha delegación do audiovisual galego baixo a marca Films from Galicia. As empresas CTV, DocsHub, Portocabo, Somadrome, Treeline Distribution e Voz Audiovisual participan nesta misión institucional e comercial á que é a meirande feira mundial para a comercialización de todo tipo de formatos, programas e contidos dixitais para televisión. Como en anos anteriores, o punto de encontro da delegación galega en MIPTV é o espazo da marca Films from Galicia dentro do pavillón español, organizado polo ICEX España Exportación e Inversiones en coordinación cunha trintena de empresas e entidades de ámbito autonómico e estatal.
A Cidade da Cultura pon en marcha a partir do 13 de abril un novo servizo de visitas comentadas, Gaiás segredo, que amosará a súa arquitectura e as súas zonas naturais dun xeito máis exhaustivo, á vez que terá un compoñente máis exclusivo, ao incorporar lugares habitualmente restrinxidos ao público como son a galería subterránea que comunica o complexo, as sobrecubertas dos edificios e os sofisticados depósitos bibliográficos. As visitas comentadas Gaiás segredo estarán activas todos os sábados do ano ás 11,30 horas e ampliaranse aos xoves e aos venres en Semana Santa e nos meses de xullo e agosto.
O Festival Play- Doc ofrece este xoves 4 de abril unha completa programación tras a súa xornada inaugural na que os asistentes poderán gozar da película A Story from Africa, do mítico realizador afroamericano, Billy Woodberry. Tras a inauguración, tamén terá lugar a primeira sesión da retrospectiva dedicada ao cineasta filipino Kidlat Tahimik coa súa película, Quén inventou o Yoyó? Quén inventou o vehículo lunar?, tras a proxección o público poderá ter o primeiro encontro co singular cineasta filipino. Nesta 15º edición, que se celebra en Tui ata o vindeiro domingo 7 de abril, o Festival Play-Doc estrea unha nova sección North by Northwest para celebrar a expansión a Asturias.
O Galician Film Forum (GFF) celebrará a súa décima edición cun programa dobre que incluirá a estrea no Reino Unido do documental Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Texeiro, e a proxección da curtametraxe Matria, de Álvaro Gago. A actividade terá lugar o venres, 5 de abril, na universidade King´s College London [19 h, Edmond J Safra Theatre, Strand Campus, WC2R 2LS]. Ademais, tras as proxeccións o público terá a oportunidade de manter un coloquio con Álvaro Gago, que se desprazará a Londres para participar nesta edición. Coma decote, ambas as dúas obras proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase en inglés e mais en galego.
As bandas de música serán as grandes protagonistas do Serán’02. Encontro Galego de Cultura Popular. O evento, creado para impulsar e pór de relevo a cultura galega de base, volve á Cidade da Cultura de Galicia no vindeiro mes de xuño tras o éxito da súa primeira entrega, que dedicada ao baile e á música tradicional congregou no Gaiás máis de 7000 persoas. Baixo a dirección artística de Quique Peón, o Serán’02 terá lugar o 28, 29 e 30 de xuño e incluirá concertos de bandas tanto galegas como de fóra de Galicia, así como de agrupacións infantís. Serán'02 desenvolverase en distintos espazos do complexo, incluíndo o Auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro, que se encontra agora mesmo a punto de rematar as súas obras.
Presentáronse en Tui os contidos da sección galega así como toda a programación que compón a nova edición do Festival Internacional de cinema Play-Doc que se celebrará do 3 ao 7 de abril na cidade fronteiriza. O certame chega a súa décimo quinta edición convertido nun referente a nivel internacional. Primeiras retrospectivas en España, estreas e cineastas de culto que conforman unha das edicións máis ambiciosas do festival galego. O certame contará con lendas do cinema como o norteamericano Bruce Weber, ou o pai do cinema filipino, Kidlat Tahimik, unha sección oficial chea de estreas españolas, así como un gran número de actividades paralelas.
« Anterior | 102  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

Esta exposición, a través de preto dun cento de fotografías, obxectos persoais e documentos, recupera a memoria do gran fotógrafo que naceu en Castroverde (Lugo), en 1917 e morreu en Bascuas (Lugo), en 2015, e que se converteu nun dos grandes retratistas da segunda metade do século XX. Presidida polo Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, a sede do Instituto Cervantes na capital francesa inaugurou o domingo esta mostra retrospectiva organizada pola Cidade da Cultura coa colaboración desta institución.
O Festival Internacional Galicreques adiantou hoxe a carteleira completa da súa 23ª edición, que do 13 ao 21 de outubro programará en Santiago de Compostela máis de 50 funcións a cargo de 23 compañías de sete países. A 23ª edición do festival ofrecerá tres estreas absolutas, ademais de 13 espectáculos que se presentan por vez primeira en España.
O punto de partida da nova creación de La Macana en colaboración con Samir Akika é un reto, o reto de por en escena a un pai co seu fillo adolescente. O primeiro, un galego de orixe cubano que na súa amplia experiencia como bailarín nunca tivo que enfrontarse a un maior desafío que bailar cun compañeiro máis cercano. Pola outra banda, un espléndido, atlético e creativo rapaz de catorce anos, cheo de enerxía e de ganas de confrontar a súa perspectiva millennial co seu querido pai.
Do 23 ao 26 de outubro, AMAL ofrecerá 9 proxeccións no Teatro Principal de Santiago, entre as que se inclúen tanto cintas de ficción como documentais. No marco deste último xénero, na sesión inaugural do ciclo estrearase Nacido en Gaza, do documentalista arxentino Hernán Zin. Tras o filme, haberá unha charla coloquio con Ghaleb Jaber Ibrahim.
A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre Vázquez, e o Secretario da Sociedade Filarmónica de Lugo, José Luis Díaz Núñez, presentaron este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a nova temporada de concertos en vivo que se celebrarán de outubro a maio na capital lucense.
Este mércores vaise celebrar en Paradela a presentación oficial do libro OS MOSTEIROS DE SANTA MARÍA DE CASTRO DE REI E SAN FACUNDO DE RIBAS DE MIÑO (PARADELA-LUGO), orixinal do profesor Ángel Fernández López. Ángel Fernández, natural de Paradela, concello do que é Fillo Predilecto, foi Inspector de Educación e Delegado Provincial da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Galicia estará presente nas Feiras Internacionais do Libro Líber, en Barcelona, e na de Frankfurt. A Feira Líber celébrase desde o mércores día 3 ata o venres 5. Pola súa banda, a de Frankfurt terá lugar do 10 ao 14 de outubro. Estas dúas feiras teñen un carácter comercial, que aproveitan as editoriais galegas para establecer relacións que contribúan a nutrir o sistema cultural galego.
Directo 9 é o noveno espectáculo de Pisando Ovos, que vén completar a súa triloxía arredor da música electrónica e do desgaste físico dos corpos en directo, dentro da que xa levou a escena Que volvan as flores (2014) e Give it a Spin (2015). Nesta ocasión, o obxectivo é que os espectadores que asistan a esta particular sesión de DJ e danza se sintan partícipes unha experiencia conxunta a través da vibración dos seus corpos.
Presentáronse onte no Pazo de San Roque os 'XXXVIII Cadernos Ramón Piñeiro. María Victoria Moreno. Palabra fértil no Tempo', un volume dedicado a afondar na figura da homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas, que vén de publicarse co gallo da programación conmemorativa impulsada desde a Xunta. A obra conta cun limiar de Blanca-Ana Roig Rechou.
A derradeira leición do mestre —obra icónica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, considerada o ‘Guernica galego’— chegou esta tarde ao Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura desde o Centro Galicia de Buenos Aires. O óleo, de máis de 2 metros de altura, viaxou desde Arxentina a Madrid en avión na pasada fin de semana e foi trasladado por estrada ata o Gaiás, escoltado por axentes da Policía Autonómica.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES