Noticias

O CDG inicia os domingos de conciliación de 'Neorretranca e posmorriña' con talleres escénicos para nenas e nenos

O Centro Dramático Galego (CDG) inicia os Domingos de Conciliación asociados á representación da súa nova produción propia, Neorretranca e posmorriña, no Salón Teatro de Santiago. Trátase dun servizo gratuíto pensado para que os nenos gocen dun taller de artes escénicas mentres os seus maiores asisten ao espectáculo. Elea López, colaboradora habitual nas actividades infantís desenvolvidas polo Centro Dramático Galego, volverá ser a encargada de impartir estes obradoiros na Fundación Granell, onde os cativos pasarán unha tarde entretida con xogos arredor dos monicreques, teatro de sombras e outras actividades relacionadas co oficio escénico.

Esta iniciativa, incluída no prezo da entrada, desenvolverase os domingos 14, 21 e 28 de abril e 5 de maio, de 17,30 a 21,00 h. O Centro Dramático Galego habilitou un máximo de 30 prazas para cada un dos días, que poden solicitarse tanto no despacho de billetes do Salón Teatro (aberto de xoves a sábado, de 18,30 a 20,30 h, e os domingos, de 16,00 a 18,00 h.) como no correo [email protected] e no teléfono 881 867 229 (de luns a venres, de 9,00 a 14,30 h.)

Neorretranca e posmorriña é o título da nova produción propia que a compañía pública estreou onte na súa sede compostelá baixo a dirección escénica de Gena Baamonde e cun elenco integramente feminino do que forman parte Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde.

Esta proposta agrupa dúas pezas moi diferentes, tanto deste o punto de vista da dramaturxia como da súa estética, coa reflexión sobre a identidade galega como punto de partida común: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte.

Funcións e venda de entradas

O espectáculo poderá verse ata o 5 de maio no Salón Teatro, onde o CDG levará a cabo 19 funcións. As de público xeral terán lugar de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, ás 18,00 h. Así mesmo, os asistentes terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo tras o pase dos xoves nos chamados Encontros co Público. En canto á campaña escolar, desenvolverase en pases matinais os días 23, 24 e 29 de abril para alumnado de institutos.

A venda anticipada de entradas está dispoñible a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443. A partir da estrea, poderán mercarse tamén no despacho de billetes da sede do Centro Dramático Galego, que abre ao público desde dúas horas antes do comezo de cada función. O seu prezo é de 10 euros de xoves a sábado, cos descontos habituais, e de 5 euros os domingos, Día do Espectador no Salón Teatro.

R., 2019-04-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES