Noticias

Galician Film Forum celebra a súa décima edición coa estrea de 'Tódalas mulleres que coñezo' no Reino Unido e coa proxección de 'Matria'

O Galician Film Forum (GFF) celebrará a súa décima edición cun programa dobre que incluirá a estrea no Reino Unido do documental Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Texeiro, e a proxección da curtametraxe Matria, de Álvaro Gago. A actividade terá lugar o venres, 5 de abril, na universidade King´s College London [19 h, Edmond J Safra Theatre, Strand Campus, WC2R 2LS]. Ademais, tras as proxeccións o público terá a oportunidade de manter un coloquio con Álvaro Gago, que se desprazará a Londres para participar nesta edición. Coma decote, ambas as dúas obras proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase en inglés e mais en galego.

A entrada do evento é gratuíta, mais cómpre reservala con antelación. Esta edición do GFF conta co apoio do Departamento de Spanish, Portuguese and Latin American Studies do King´s College London, co patrocinio de ABANCA e coa colaboración da Oficina para Asuntos Culturais e Científicos da Embaixada de España en Londres.

O documental Tódalas mulleres que coñezo recolle tres discusións interconectadas sobre violencia, xénero e espazo público. Na primeira delas, cinco amigas comparten vivencias nunha conversa íntima que se grava e amosa nunha xuntanza de mulleres e, máis tarde, nunha clase de bacharelato. O resultado final son tres conversas femininas de distintas xeracións que comparten experiencias e sensacións sobre espazo público, xénero e violencia.

Con este particular diálogo sobre o diálogo rodado en branco e negro, a directora busca articular un discurso sobre o medo que non fomente o medo, un discurso sobre a violencia que non resulte violento. Unha historia, en definitiva, de sororidade universal que persegue, á súa vez, alentar novas conversas tras o seu visionado.

Dende a súa estrea, o documental de Xiana do Teixeiro proxectouse en numerosos festivais nacionais e no Cinespaña de Toulouse. Entre os galardóns que obtivo figuran o Premio do Público de Primavera do Cine de Vigo, o Premio do Público e o Premio DOCMA de Alcances - Festival de Cinema Documental de Cádiz, e o Premio Screenly de Documenta Madrid. Tamén conseguiu a Special Mention Feature Doc do Evolution Mallorca International Film Festival e a Mención especial do xurado de OUFF - Festival de Cinema Internacional de Ourense.

Premio en Sundance

Pola súa banda, Matria chega ao GFF co aval que supón ser un dos títulos máis recoñecidos do audiovisual galego, con galardóns tan destacados como o Gran Premio do Xurado do Festival de Sundance, o de mellor curtametraxe española da Seminci de Valladolid ou os premios á mellor película e actriz obtidos en Alcine, o Festival Internacional de Alcalá de Henares, por citarmos algúns dos máis de sesenta que logrou no seu triunfal percorrido por festivais nacionais e internacionais.

Un impresionante palmarés para unha obra sobre a incomunicación que desmonta o mito do matriarcado en Galicia a través dun día na vida de Ramona, traballadora dunha conserveira. A cámara segue a protagonista amosando de xeito case documental os elementos da súa rutina cotiá: o cansazo, a incomunicación no traballo e no fogar e o refuxio na complicidade coa súa filla e mais a súa neta.

Os directores

Xiana do Teixeiro é unha cineasta interesada no relato íntimo, a identidade, a construción do xénero e a ecoloxía. Tamén é doutora e investigadora en Comunicación Audiovisual, creadora, produtora musical e cofundadora da produtora Walkie Talkie Films. Con Estrada dunha soa dirección gañou o Proxecto X Films do Festival Punto de Vista 2015 (Navarra). Actualmente está inmersa en Proxecto Diario, unha investigación artística e película en produción sobre o diario íntimo feminino adolescente. Tódalas mulleres que coñezo (2018) é a súa primeira longametraxe.

Álvaro Gago estudou Comunicación Audiovisual e Piano en Galicia antes de se mudar a Chicago, onde se formou en actuación e dirección de teatro na North Park University. Máis tarde trasladouse a Londres, onde se graduou na London Film School coa curta Curricán (2013). Profesionalmente, compaxina a súa faceta de director coa montaxe e a docencia de cinema. Recentemente acaba de rematar a rodaxe da súa nova curta, 16 de decembro, e está a preparar o guión da súa primeira longametraxe.

Galician Film Forum

O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

R., 2019-04-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES