
Ademais, colaboran tamén os grupos de investigación da USC Románicas (Filoloxía, Literatura medieval) e Historia medieval: sociedade e territorio, o Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela e o portal de colaboración sobre o mundo académico medieval Medievalitis.
Xa de consolidada vocación internacional e sempre pensada para ofrecer aos máis novos investigadores un foro de utilidade científica onde compartir investigacións e os comezos dos propios proxectos, esta segunda edición vai contar con aínda máis participantes que a anterior, procedentes de España, Portugal, Francia, Italia, Inglaterra, Bélxica, Suíza, Porto Rico e Arxentina, vinculados a case corenta institucións académicas. As comunicacións repartiranse en dez mesas, cada unha dedicada a un tema específico dos estudos medievais e cun marcado carácter interdisciplinar (filoloxía, historia, historia da arte, arqueoloxía, filosofía, musicoloxía e humanidades dixitais).
Alén diso, están previstos tres relatorios de recoñecidos especialistas no ámbito dos estudos filolóxicos, históricos e artísticos dedicados á Idade Media. O inaugural será presentado polo profesor Alfonso DAgostino, ilustre filólogo e catedrático da Università degli Studi di Milano, que falará sobre as transformacións que poden afectar a un texto. A seguir, os días 25 e 26 de Abril, o profesor David Chao Castro e o catedrático Fernando López Alsina (ambos da Universidade de Santiago de Compostela) analizarán, respectivamente, a figura da raiña Juana Manuel e a relación entre o papa Calixto II e o Liber Sancti Iacobi.
Como na edición anterior, tamén este ano o Congreso quere seguir mantendo a súa vocación formativa para o estudantado que desexa mellorar o seu coñecemento sobre aqueles aspectos vinculados á Idade Media que se irán tratar. Por esta razón, esta actividade conta cun crédito ECTS recoñecido en Historia e Arte. A inscrición para os asistentes estará aberta até o día 23 de Abril. A asistencia formalizarase tamén coa entrega dun certificado oficial.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.