Notas de prensa

Preto de 500 especialistas de doce países reivindican na UVigo o poder da educación para mudar a sociedade

Con preto de 500 inscritos e inscritas e coa mensaxe común que a educación ten o poder para transformar a sociedade, botaba a andar este mércores no campus de Pontevedra o I Congreso Internacional de Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade. Combinado a asistencia presencial de preto dun cento de investigadores e investigadoras e o seguimento virtual de arredor de 400 inscritos e inscritas de doce países, trátase dun foro con cinco áreas temáticas, promovido pola Cátedra Unesco Educación Transformadora.

Sostibilidade social e ambiental, convivencia e resolución de conflitos, equidade e non discriminación, patrimonio material e inmaterial e benestar e saúde son os cinco eixes dun foro que reúne no seu programa 20 simposios, cinco conferencias plenarias, sete mesas de expertos, sete sesións aplicadas e a presentación, nunha vintena de mesas, de máis de 120 comunicacións.

Coas catedráticas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Francisca Fariña e Margarita Pino como presidentas do seu comité organizador, este congreso internacional reunirá entre este mércores e venres investigadoras e investigadores de España, Portugal, Brasil, México, Guatemala, Cuba, Romanía, Bélxica, Colombia, Arxentina, Alemaña e Estados Unidos. Promovido co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Concello de Pontevedra e Consello Social da UVigo, o congreso celebraba na mañá deste mércores o seu acto inaugural na Escola de Enxeñaría Forestal.

“Se a educación transformadora persegue xerar cambios nas persoas e na sociedade para mellorar o mundo, ogallá este congreso nos faga reflexionar a todos e todas sobre o que podemos achegar a esta transformación”, salientaba Fariña neste acto de apertura. O congreso, lembrou, xorde do “compromiso asumido” coa concesión da Cátedra Unesco de promover “un evento que promovera a participación da comunidade universitaria e de profesionais de países en vías de desenvolvemento, que contaron con matrícula gratuíta. Nese senso, destacou que os resultados acadados en materia de participación “permítennos estar moi satisfeitos”.

Educar e comunicar que “un mundo mellor é posible”

No acto inaugural, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, puxo de relevo o compromiso da institución académica “coa construción dun mundo mellor, que está ao alcance da man e do que ao mesmo tempo parece que nos estamos afastando”. O reitor lamentou nese senso que non se tiveran acadado “gran parte dos obxectivos do milenio”, que tras os avances en materia de igualdade chegase “unha vaga contraria” e que “todos os días vexamos en directo unha masacre que é un xenocidio con todas as letras”, para logo pór de relevo que, se ben a educación “é unha ferramenta imprescindible para conseguir un mundo mellor”, con esta soa “non chega” e é preciso “levantar a voz e comunicar que un mundo mellor é posible”.

Previamente, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, referiuse tamén á “masacre dun pobo enteiro” que se está a perpetrar en Gaza, para logo recalcar que este “é un congreso necesario”. Este acto contou así mesmo coas intervencións do vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, quen incidiu na importancia de temáticas “como a resolución de conflitos, a non discriminación ou a sostibilidade social e ambiental”;e do secretario xeral de Emprego e Emprendemento da Xunta, Pablo Fernández, destacou a “transversalidade” deste congreso. Previamente, a directora da EE Forestal, Ãngeles Cancela, subliñou que “vivimos nun contexto global atravesado por múltiples crises: climáticas, socias, tecnolóxicas, políticas e éticas”, no que a educación debe constituír “unha ferramenta de transformación social” e no que a ciencia e a comunicación “deben ser abordadas desde unha perspectiva crítica, ética e comprometida co ben común”.

Completado coa actuación do Grupo de Música Tradicional do Campus de Pontevedra, este acto inaugural contou tamén coa participación de María Jesús Pino, coordinadora estatal da Rede de Escolas Unesco, da que forma parte da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde impartía unha conferencia na tarde deste martes. Pino destacou a “repercusión internacional” deste evento, mentres que o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa, salientaba a súa importancia deste foro á hora de “profundar en materias que nos leven ao fortalecemento da cooperación internacional entre investigadores, alumnado e organizacións comprometidas cunha educación transformadora.

Máis de 30 sesións

A saúde e a educación ambiental foron os eixes centrais da conferencia inaugural, impartida polo profesor da Universidad de Ciencias Médicas de Villa Clara (Cuba) Daniel Bulgado, tras a que daban inicio un conxunto de sesións que se desenvolven de xeito paralelo en cinco espazos da EE Forestal e das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia. Os máis de 30 simposios, mesas de expertos e sesións aplicadas que terán lugar nestas tres xornadas permitirán afondar en cuestións como a convivencia nos centros educativos, a innovación docente, a cooperación ao desenvolvemento, as implicacións da intelixencia artificial no ámbito educativo, o benestar emocional na infancia e na adolescencia, o abandono escolar temperán ou a formación parental.

Xunto estas actividades, o congreso abrangue tamén unha serie de conferencias plenarias, nas que a organización buscou tanto un carácter transversal como “un equilibrio entre as áreas” presentes nunha cátedra da que forman parte preto de 50 investigadores e investigadoras. Así, na tarde deste mércores terá lugar un relatorio do decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero Reguera, mentres que o catedrático da UVigo Jacobo Porteiro falará o xoves da educación en sostibilidade nas ensinanzas de enxeñaría en España. Nesa mesma xornada, a profesora da Benemérita Universidad Autónoma de Puebla (México) Luz Anyela Morales afondará na cultura de paz e na xustiza na educación universitaria, mentres que o investigador da Universidad de León Roberto Baelo impartirá o venres a conferencia de clausura, centrada no uso educativo da intelixencia artificial xerativa.

A programación do congreso vese complementada á súa vez polo concerto que o grupo Faíscas da Pontraga ofrece este xoves no Teatro Principal, dentro do ciclo Música para reCREAr, así como por unha exposición bibliográfica sobre Pontevedra e educación na Biblioteca Central do Campus.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-09-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
A maior presenza de proxectos tecnolóxicos ou xurdidos da investigación universitaria entre as iniciativas de emprendemento seleccionadas é un dos aspectos destacados dá XIII Pont-Up Store. Promovido pola UVigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, este encontro do emprendemento permite a 48 novas iniciativas empresariais dar a coñecer os seus produtos e servizos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES