Noticias

A segunda edición de 'Serán. Encontro Galego de Cultura Popular' porá en valor as bandas de música

As bandas de música serán as grandes protagonistas do Serán’02. Encontro Galego de Cultura Popular. O evento, creado para impulsar e pór de relevo a cultura galega de base, volve á Cidade da Cultura de Galicia no vindeiro mes de xuño tras o éxito da súa primeira entrega, que dedicada ao baile e á música tradicional congregou no Gaiás máis de 7000 persoas. Baixo a dirección artística de Quique Peón, o Serán’02 terá lugar o 28, 29 e 30 de xuño e incluirá concertos de bandas tanto galegas como de fóra de Galicia, así como de agrupacións infantís. Serán'02 desenvolverase en distintos espazos do complexo, incluíndo o Auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro, que se encontra agora mesmo a punto de rematar as súas obras.

Talleres para a cativada, master classes, obradoiros de baile, conferencias, unha exposicións de instrumentos antigos e un gran baile na Praza Central do Gaiás completarán o programa desta nova entrega que se desenvolverá en distintos espazos do complexo, incluíndo o Auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro, que se encontra agora mesmo a punto de rematar as súas obras.

O Serán. Encontro Galego de Cultura Popular naceu en 2018 impulsado pola Xunta de Galicia como un evento de primeira orde, con vocación de consolidarse no tempo como unha gran plataforma destinada a reunir, protexer e pór de relevo todas as iniciativas que xorden no seo da cultura asociativa de base popular.

Serán’02 procura así, en palabras de Quique Peón “poñer en valor unha manifestación artística tan arraigada na cultura galega como son as bandas de música, que en moitos casos naceron das pequenas charangas ou murgas que había en tantos lugares da xeografía galega”. A día de hoxe, moitos músicos galegos tocan nas mellores bandas do mundo e as bandas galegas están consideradas entre as mellores de Europa polo seu alto nivel artístico. Segundo estimacións da Federación Galega de Bandas de Música, en Galicia contamos a día de hoxe con máis dun cento de agrupacións que aglutinan a uns 8.000 músicos e no seo das que aprenden música uns 5.000 nenos e nenas.

A primeira edición deste Encontro Galego de Cultura Popular, celebrada en xuño de 2018, estivo especialmente centrada no baile e música tradicional con motivo da súa declaración como Ben de Interese Cultural, cuxa tramitación se iniciaba en abril do pasado ano coa incoación do expediente e que prevé resolverse antes do prazo máximo previsto de dous anos. Este procedemento está destinado a preservar e salvagardar o baile como parte do patrimonio inmaterial galego.

Así, ata un milleiro de bailadores e bailadoras de todas as idades, acompañados de artistas consolidados do folk galego actuaron no Gaiás durante os tres días que acolleu o Serán’01, con nomes de primeira orde como Ugía Pedreira, Susana Seivane, Xosé Manuel Budiño, Uxía Senlle, Davide Salvado ou Leilía, que compartiron espazo e escenario con numerosas agrupacións do noso folclore tradicional.

R., 2019-03-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES