Notas de prensa

A II Semana Internacional das Linguas, literaturas e a tradución achégase á cidadanía

'A primeira edición foi unha combinación interesante de actividades para o alumnado da Facultade, se cadra, penso que este ano o que máis destaca é o esforzo que fixemos por acercarnos a cidadanía en xeral con actividades como andainas literarias, clubs de lectura, cine… ', detalla María Méndez, que colabora na organización da II Semana Internacional das linguas, as literaturas e a tradución, que se desenvolverá entre os días 22 de setembro e 3 de outubro.

“Outra novidade é a inclusión de varias actividades relacionadas coa accesibilidade. Aínda que levamos tempo traballando nos grupos de investigación a prol das persoas con discapacidade desde o punto de vista da comunicación, era unha materia pendente dar máis visibilidade a este aspecto e a este tipo de público”, sinala Lourdes Lorenzo, docente e investigadora do Departamento de Tradución e Lingüística, que cualifica de “luxo” poder contar coa editorial Galaxia, que aposta por sacar unha colección en Lectura Fácil, así como coa proxección o día 25 no auditorio do Concello de Vigo, da curtametraxe rodada en linguaxe de signos Pato$, última llamada. Hai cine máis alá do son: mergullarse na percepción xorda, do director e produtor Veru Rodríguez.

Máis dunha vintena de actividades conforman o programa desta segunda edición da Semana Internacional que ten o obxectivo, aproveitando a coincidencia de varias conmemoracións relacionadas coas linguas e a tradución, “de, por unha banda, presentarlle á cidadanía de Vigo o que sucede na FFT e tamén animalos a coñecer a escritoras, profesoras e investigadoras, coas que poderán falar sobre a súas obras e estudos. Por outra banda, organizamos tamén outras actividades un pouco máis académicas na Facultade porque están máis pensadas para o alumnado dos nosos graos”, detalla Alberto Álvarez Lugrís, docente e investigador do Departamento de Tradución e Lingüística.

Rutas literarias, cine e cursos de idiomas para comezar

Dous cursos de introdución á lingua e cultura lituanas e ao éuscaro , “dunhas seis horas para coñecer os rudimentos básicos como aprender a saudar, pedir nun restaurante, impartidos por profesoras que veñen especialmente de Lituania e Euskadi”, explica María Méndez, que se impartirán no edificio Cambón, marcarán o 22 de setembro o inicio dunha semana, na que o salón de graos da FFT acollerá, pola súa banda, relatorios e mesas redondas sobre literatura sen barreiras, as importancia das humanidades en publicidade ou sobre que facer unha vez rematados os estudos. “A autora e ilustradora Raquel Senra ofrecerá ferramentas para poder enfrontar o que pode vir a partir do momento en que o alumnado remate os estudos de grao ou mesmo e mestrado”, explica a docente e investigadora do Departamento de Tradución e Lingüística Ana Luna, sobre o relatorio de Senra, que terá lugar o día 25 de setembro.

Os días 23 e 24, respectivamente, as rúas de Vigo serán o escenario dunha ruta literaria e de encontros literarios ao atardecer, que “xorden coa vontade de poñer en valor o patrimonio cultural, lingüístico e literario do noso territorio, ao tempo que se fomentan as prácticas educativas que favorecen a reflexión sobre a identidade local e o vínculo entre literatura e espazo urbano”, sinala Blanca Miranda, investigadora predoutoral do Departamento de Tradución e Lingüística. Se no Roteiro literario Vigo Noir, as e os participantes camiñarán o martes 23 en compañía de María Xosé Porteiro, Elena Gallego, Beto Luaces e Alex Alonso polos lugares nos que localizan as súas obras en Vigo, na andaina literaria, Literatura ás agachadas, do día seguinte, as persoas participantes poden encontrarse en diferentes puntos do centro da cidade con autores e autoras como Jorge Rodríguez, Tamara Andrés, Montse Villar ou Antón Recamán para falar das súas obras.

As xornadas O queer na literatura e na cultura e a de formación de profesorado de idiomas, que se celebrarán o día 26, na Casa Galega da Cultura e na EOI, respectivamente, completarán as actividades da primeira semana.

Presentacións de libros, club de lectura e mesas redondas a seguir

Introdución á tradución. Curso de tradución para persoas curiosas de Alberto Álvarez Lugrís e Traducindo Chaucer ao Galego: soños, amores e ausencias de Jorge Luis Bueno son o libros que o día 29 de setembro se presentarán no edificio Redeiras ao abeiro da Semana Internacional, que o 2 de outubro ten programada outra presentación, a dos volumes: Lengua mutante de Ártemis López e Voces de Mujeres. 100 voces, 100 vidas, 100 historias compartidas de Ana Varela, María Méndez e Susana Rodríguez.

De luns a xoves desenvolverase un club de lectura, “no que propoñemos a lectura de diversos relatos procedentes do continente africano, coa intención de gozar de viaxes literarias que nos permitan descubrir outros xeitos de ver e contar a vida”, explica Carla Figueiras, docente e investigadora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá. A programa na FFT completarase cun relatorio sobre aspectos tautolóxicos no marco da edición independente en Galicia, outro sobre tradutoras na Idade de Prata e un obradoiro centrado na transcreación de emocións, mentes que o museo Marco acollerá a Xornada Investiga, que inclúe unha exposición con traballos do alumnado e un relatorio sobre metodoloxía de investigación en lingüística aplicada.

O edificio Redeiras, pola súa banda, será o escenario dunha conferencia o día 30 de Laura Carta, titulada Un nuovo modelo de famiglia: L'esperanza vissuta e teorizzata dalla scrittice Michela Murgia. Ao día seguinte desenvolverase a mesa redonda De bolleras, migras e lisiadas, na que “falaremos de como certos colectivos ou persoas que forman parte deles toman palabras que se empregaban ou que se seguen empregando co fin de discriminar, insultar e desprezar como propias e mudan o seu significado, o que nos fará reflexionar sobre o poder das palabras e dos nosos prexuízos tanto no plano social como no lingüístico”, detalla Carla Míguez, investigadora predoutoral. O día 3 de outubro a Semana Internacional chegará ao seu fin coa Xornada sobre discriminación lingüística, que inclúe catro conferencias impartidas por profesionais da lingua sobre o impacto que a discriminación e os prexuízos lingüísticos teñen sobre as linguas minorizadas e as persoas que as falan.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-09-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES