
O programa presentouse este venres na Igrexa da Universidade nun acto no que participou a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, que destacou da iniciativa que apela á comunidade universitaria, ao seu estudantado, nunha reflexión importante a través da cultura. Murias subliñou igualmente a importancia da confluencia de varias institucións arredor deste proxecto que permitirá mover os marcos.
Experiencia pioneira de diálogo colectivo
Nado en 2024 como un espazo para cuestionar o establecido e dar protagonismo ás voces emerxentes da Galiza, Mover os Marcos presentouse como unha experiencia pioneira de diálogo colectivo. Baixo o lema Festival para unha vida mellor, esta edición non busca só falar de temas illados, senón abrir un espazo de reflexión sobre as tensións que marcan a mocidade de hoxe: a vivenda, o medio, as identidades ou os dereitos.
Do 1 ao 3 de outubro, o Auditorio de Ciencias da Comunicación converterase nunha aula aberta onde a comunidade universitaria e o público xeral están convidados a participar en tres xornadas de conversas. O día 1 abrirase coa mesa Proxectos para vivir en galego, que contará con voces como Carlos Callón, Alberto Pombo e Noemí García. O 2 será a quenda de Medio e ecoloxía: coidar do noso, cun diálogo impulsado por ADEGA e no que participarán creadoras de contido como blondiemuser e activistas como Rogelio Sánchez. O ciclo pecharase o 3 de outubro con Vivir na Galicia dos anos 20, unha sesión que abordará cuestións de actualidade como os dereitos LGTBI (Daniela Ferrández), a vivenda (Plataforma Vivenda Xa) e a inmigración (Barry Elhadj Mamadou, de Guinea Conakry).
Pola súa banda, a Igrexa da Universidade acollerá os concertos falados desta edición, cos que a USC iniciará a programación do seu Outono Cultural. O 1 de outubro, ás 21:00 horas, o público poderá coñecer de preto a traxectoria de Hugo Guezeta, nunha sesión conducida por Rodri Míguez. O 2 de outubro, tamén ás 21:00 horas, será a quenda de Alana, que combinará conversa e música en vivo para amosar o seu universo creativo.
O sábado 4 de outubro a actividade trasládase á Casa das Máquinas. Alí combinaranse diferentes propostas que van desde o break dance da Vella Escola ata as presentacións pechacucha de proxectos creativos como a Revista Rebelico, Orgullo Galego, Horta Creativa ou O Tinglao de Carnota. A xornada incluirá tamén o podcast en directo Prendídisima, a enerxía do Colectivo do Flow e os concertos de Leria e Tiam GZ.
Todas as actividades de Mover os Marcos 2025 son de balde e sen reserva ata completar aforo. O proxecto está promovido pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela e xestionado por Culturactiva S. Coop.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.