//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Participan, entre outras, as produtoras audiovisuais Miolos Filmes, Agallas Films, Ollovivo, Abano producións, Milana Bonita, CTV, Ficción Producciones e Frida Films e as editoras Xerais, Galaxia, Baía Edicións, Técnicas e Gramaxe, Toxososutos, Positivas, Edebé, Tandaia e Urco. Esta nova edición de Firma e Filme arrancou cunha convocatoria para as editoriais a raíz da que a Agadic recibiu 32 propostas de libros de diferentes xéneros e estilos susceptibles de seren levados ás pantallas en calquera formato ou xénero: animación, acción, aventuras, bélico, biopic, ciencia ficción, comedia, drama, experimental, fantástico, musical, romántico, suspense, terror, thriller, etc.
Do tempo e dos astros reedita dous traballos de corte etnográfico de Antonio Fraguas: O culto aos mortos, conferencia pronunciada no Ateneo de Vigo en maio de 1931 e publicada por primeira vez ese mesmo ano, e Preocupación polo tempo e os astros na crenza popular, que vira a luz en 1975, no tomo V do Boletín Auriense. Dous textos que eran ata o momento difíciles de consultar e que esta publicación da Biblioteca Antonio Fraguas da Editorial Galaxia lle achega ao público no ano en que se lle dedican as Letras Galegas ao seu autor. É unha mostra do papel de don Antonio Fraguas como estudoso e divulgador da cultura popular, no seu afán por axudarnos aos galegos a recoñecernos nela para comprendérmonos e querérmonos a nós mesmos.
En A primeira vez, Artur Trillo dirixe e versiona ao galego un texto do autor polaco contemporáneo Michal Walczak, un dos expoñentes da nova escena europea. Na peza abórdanse as relacións de parella e a incomprensión desde unha perspectiva traxicómica que reflicte as tensións humanas, con crueldade pero tamén con sentido do humor. Na interpretación están María Ordóñez e Toño Casais, habituais de Talía Teatro, que hoxe acompañaron a Artur Trillo, a Juan M. Constenla, concelleiro de Cultura da Estrada, e a Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), na rolda de prensa de presentación da montaxe, unha proposta á que os seus artífices se refiren como drama disfrazado de comedia.
O actor John Malkovich visita estes días Galicia para participar no ciclo 'Vai e vem. Carta blanca a Chema Prado', que o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) lle dedica na Coruña ao exdirector da Filmoteca Española para renderlle tributo ao que foi un dos seus principais valedores desde a súa creación hai 27 anos. Malkovich desprazouse ata Galicia para compartir esta homenaxe, dentro da que se proxectou o thriller 'Pasos de baile' que o estadounidense dirixiu en 2012, con Javier Bardem como protagonista. A película foi seleccionada polo propio Chema Prado, a quen o CGAI lle deu carta libre para deseñar unha escolma dunha vintena de títulos, que poderán verse ata mediados de maio.
O Centro Dramático Galego (CDG) compartirá co público a celebración do Día Mundial do Teatro o vindeiro mércores 27 de marzo cunha xornada de portas abertas na súa sede de Santiago. Como en anos anteriores, o programa de visitas guiadas Que se agocha tras o pano? ofreceralles aos asistentes un percorrido polas instalacións do Salón Teatro, ao tempo que lles permitirá coñecer a historia deste edifico da zona histórica compostelá e se achegar ao traballo cotiá do oficio teatral. Este ano o fío condutor das visitas será a cita O teatro é un país en si mesmo, un gran territorio que abarca o mundo enteiro, de Carlos Celdrán, dramaturgo e director teatral cubano.
O Museo do Pobo Galego presentou hoxe a programación completa da súa XIV Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que se desenvolverá en diferentes espazos de Santiago de Compostela entre os vindeiros días 25 e 31 de marzo. As gravacións domésticas, as fronteiras e a relación do son e a música coa etnografía son as tres liñas temáticas que vertebran a carteleira deste ano, no que o cinema feito por mulleres volverá ter un peso importante. Como en anos anteriores, o encontro dedicaralle unha parte importante da súa programación a filmes dirixidos por mulleres, que neste caso supoñen arredor da metade dos títulos incluídos tanto na sección oficial como fóra de concurso, cunha escolma coordinada por Margarita Ledo e Marta Pérez Pereiro.
Representantes de diversos museos da comunidade reuníronse para iniciar o proceso de elaboración da Lei de Museos de Galicia. O CGAC acolleu este encontro de traballo, que serviu para establecer unha toma de contacto entre o sector museístico e os representantes da Xunta de Galicia. Preto de 30 institucións culturais de toda Galicia participaron nesta primeira xuntanza na que se solicitou a participación e se escoitaron as primeiras achegas técnicas dos profesionais involucrados nas actividades museísticas. Neste caso, trátase de acadar un proceso participativo e transparente, escoitando as opinións e achegas de todos os integrantes do ecosistema galego de museos.
Bruce Weber estará presente na décimo quinta edición de Play-Doc, que se celebrará do 3 ao 7 de abril en Tui, para mostrar por primeira vez en España a súa película máis recente, Nice Girls Don´t Stay for Breakfast (2018), cuxo estrea mundial tivo lugar na pasada edición do Festival de Cinema de Venecia. Así mesmo, o célebre fotógrafo e cineasta estadounidense presentará no festival galego a súa aclamada Lets Get Lost (1988) sobre o músico de jazz Chet Baker, e tamén Broken Noses (1987), a súa primeira longametraxe centrada na figura do boxeador Andy Minsker. O propio Bruce Weber estará en Tui falando en persoa co público de Play-Doc sobre as correspondencias entre estas tres películas e os seus excepcionais protagonistas.
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia programará do 21 de marzo ao 10 de maio un ciclo cinematográfico co que rende homenaxe a Chema Prado, director da Filmoteca Española entre 1989 e 2016, programador desta desde 1975 e, ante todo, amigo e mentor da cinemateca galega desde a súa posta en marcha hai 27 anos. Con motivo desde tributo, o CGAI deulle carta branca a Prado para programar unha serie de películas que marcaron tanto a súa traxectoria profesional como vital, ademais de recibir na Coruña a algunhas das amizades persoais deste galego, natural de Rábade, como é o caso de Marisa Paredes e John Malkovich.
Un total de doce espectáculos finalistas competirán polos galardóns. Commedia, de Contraproduccións, opta a un total de 12 premios do teatro galego; Divinas Palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, é finalista en 7 categorías, e A leituga, de Emedous, aspira a acadar 5 galardóns. Ademais, outras pezas como Invisibles, de Redrum Teatro, e A Casa ORei, de Ibuprofeno Teatro, optan a 4 premios. A obra O servidor de dous amos, de Talía Teatro, é finalista en 3 modalidades, mentres que montaxes coma #Camiños, Anatomía dunha serea, ou A nena e o grilo competirán en 2 categorías. Completan o cadro de finalistas Arnoia Arnoia, Contos do Recreo e Patapatúm.
Rosalía foi a protagonista da segunda edición do festival que durante o 29 setembro reuniu na Praza de Cervantes de Santiago de Compostela espectáculos de música, teatro e danza, obradoiros de rap, a elaboración dun grafite e centos de produtos rosalianos. A imaxe dunha Rosalía superheroína, con capa e máscara, presidiu novamente o cartel do Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Santiago.
A sexta edición do ciclo Cultura no Camiño conclúe esta fin de semana coas últimas 12 actuacións das 340 ofrecidas desde mediados do pasado mes de abril. A Xunta de Galicia organiza este programa escénico e musical a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, co patrocinio de Gadis e en colaboración cos 103 concellos asociados este ano.
A nova edición do Galician Freaky Film Festival, que se celebrará do 25 ao 27 de outubro, comeza a súa conta atrás e, para quentar motores, o venres 28 haberá unha proxección especial cos seis mellores traballos da edición 0. O evento, que é de balde, terá lugar no local Brewing Records, na rúa Martín Códax 8, a partir das 22.00.
O Galician Bizarre naceu hai unha década como un movemento que agrupaba bandas da escena underground galega, nas que as influencias musicais anglosaxonas máis variadas pasaban por un filtro do país. Ese espírito quedou plasmado en numerosos concertos e dous discos recopilatorios nos que apareceron grupos como Novedades Carminha, Terbutalina, Srasrsra, Fantasmage ou Telephones Rouges.
A Obra Social de ABANCA presenta a segunda edición de ACREATIVA, un proxecto que ten como obxectivo mostrar as novas tendencias e vangardas culturais a través de diferentes experiencias creativas. O foco centrarase na música como fío condutor pola súa ampla capacidade para ramificarse e influenciar noutras escenas, e as mulleres e o seu papel na industria musical terán un espazo relevante, xa que o 80% das actividades que se desenvolverán estarán protagonizadas por artistas femininas.
Organizada por Xermolos e a Irmandade Manuel María, no Pedregal de Irimia (Meira), comprenderá a entrega de MANS DE IRIMIA, obra do escultor meirego Manolo Pardo, á memoria de Xabier Puente Docampo e á de José da Flor. Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero) dará lectura ao Manifesto da Festa, e os actos rematarán ás 16:30, na Praza do Concello, cun festival a cargo das Pandeireteiras Nove Ferreñas de Meira e outras agrupacións musicais.
Destacados especialistas no ámbito da historia antiga, das relixións e da arqueoloxía reuniranse en Santiago entre este mércores 19 e o venres 21 no congreso internacional Prisciliano e Gallaecia: arqueoloxía e textos, organizado polo grupo de investigación da USC Síncrisis: investigación en formas culturais, grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia baixo a coordinación do profesor Pedro López Barja de Quiroga.
O Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá organiza un ano máis, e xa son 40, a Semana de Cine de Autor de Lugo, que ata o 21 de setembro proxectará na Cidade das Murallas máis de 165 cintas de países de todo o mundo organizadas en 13 ciclos: Sección oficial, Ciclo infantil, O mellor do ano, E para comer... Lugo, Arte e cine, Ciclo Cáceres, Grandes historias, Sección especial, Encontros de cine, Cine nostálxico, Curtas de cine e Cine galego. A Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo botou a andar en 1979.
O Auditorio Municipal de Ourense acolle este xoves 20 e o venres 21 a estrea de Celebración. A gran noite, espectáculo co que a compañía Sarabela Teatro leva a escena un texto de Fernando Dacosta baixo a dirección do vigués Dani Salgado. Fina Calleja, Nate Borrajo, Sabela Gago, Elena Seijo e Fernando Dacosta interpretan a nova proposta da compañía ourensá, na que se verán os deseños de José Faro (escenografía), Baltasar Patiño (iluminación), Ruth Pereira (vestiario) ou Raquel F. Fidalgo (maquillaxe e caracterización).
As Feiras e Festas das San Lucas celébranse en Mondoñedo dende o ano 1.156, e están consideradas as máis antigas de Galicia e unha das máis antigas de Europa. Foi naquela época, concretamente o 9 de novembro de 1156, cando o rei Alfonso VII concede a Vilamaior (Mondoñedo), o titulo de cidade, o que conleva feira mensual nas calendas así como unha feira anual de 8 dias por Santa María de agosto (orixe das feiras). O cabalo é o protagonista indiscutible desta cita, que comeza o 17 de outubro.