
Esta iniciativa desenvolverase en catro quendas, que terán lugar ás 13,00 h, 16,30 h, 18,00 h e 19,30 h para un máximo de 10 persoas por grupo. A asistencia é gratuíta, previa reserva ata o 26 de marzo nos teléfonos 881 867 229 / 226 ou no enderezo electrónico [email protected].
O punto de encontro será o exterior do Salón Teatro, no número 34 da rúa Nova de Santiago, onde os asistentes terán a oportunidade de coñecer a evolución do edificio, desde a súa primeira reconstrución en 1919 como salón cinematográfico ata a adquisición do inmoble pola Xunta de Galicia e as derradeiras reformas a finais dos anos noventa do século pasado, que o levaron á súa recuperación como espazo escénico.
Os grupos percorrerán durante uns 45 minutos estancias como os camerinos, a lavandaría ou a xastraría, ademais de acceder a espazos máis técnicos do teatro. Así mesmo, os participantes das quendas de tarde terán posibilidade de presenciar algúns dos traballos técnicos que se están a desenvolver no escenario durante o período de ensaios de Neorretranca e posmorriña, a nova produción que o Centro Dramático Galego estreará aquí o vindeiro 11 de abril baixo a dirección de Gena Baamonde. Con este motivo, as visitas concluirán na sala da biblioteca, onde se realizará un sorteo entre cada quenda dunha entrada dobre para asistir ao espectáculo nalgunha das funcións xerais programadas no Salón Teatro do 12 de abril ao 5 de maio.
Como en anos anteriores, o CDG ten previsto repetir a xornada de portas abertas en maio co gallo da celebración do Día das Letras Galegas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.