
O evento celebrarase no Consello da Cultura Galega e reunirá a 32 expertos de España, Italia, Alemaña e Francia co obxectivo de actualizar e profundar no coñecemento de Prisciliano, unha das figuras máis controvertidas da historia e dunha época ata o momento moi pouco coñecida alén das escasas fontes escritas: a Gallaecia da Antigüidade tardía, a cabalo entre o Imperio Romano e os inicios do reino suevo.
Múltiples e polémicas interpretacións
Como explica o profesor López Barja, Prisciliano ten sido obxecto de numerosas lecturas dende o século XIX que o vinculaban aos antigos cultos precristiáns, como precursor da teoloxía da liberación ou do feminismo e sobre todo como un mártir do galeguismo, e mesmo se ten especulado co seu soterramento na catedral de Santiago de Compostela. Fronte a esta enorme cantidade de relatos interesados e con frecuencia manipulados, os expertos coinciden en que se trata do persoeiro da historia antiga de Hispania do cal temos máis e mellor información. O congreso Prisciliano e Gallaecia: arqueoloxía e textos pretende situar a Prisciliano e os seus seguidores e inimigos no contexto dunha Gallaecia tardorromana en pleno proceso de transformación, baixo a luz das últimas achegas científicas e a interdisciplinariedade.
Deste xeito, o congreso estudará a doutrina priscilianista e o contexto da igrexa e o paganismo na Gallaecia da época, a economía da Gallaecia tardorromana e as últimas achegas á investigación sobre a época, unha das máis descoñecidas desde o punto de vista arqueolóxico de Galicia, por parte de novos investigadores que presentarán as últimas propostas derivadas de intervencións arqueolóxicas e investigacións dos últimos anos. Tamén se deterá na sociedade e na estrutura da Gallaecia tardorromana, unha época que hoxe se revela como máis dinámica e complexa do que se pensaba.
Exposición complementaria
Como actividade complementaria, os días 19 e 20 manterase aberta ao público a exposición titulada Tempus Barbaricum: o Imperio e as Hispanias ao final da Antigüidade no segundo andar da facultade de Xeografía e Historia, de entrada libre.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.