
Nesta 40 Semana, renderáselle homenaxe a Rosario Dúrcal, actriz nada en Lugo e que triunfou en México, cuxa biografía se presentará no marco da Semana de Cine. Tamén foi presentado hoxe o volume 40 semanas de cine en Lugo, unha obra a cargo de Xulio Xiz e Manuel Curiel que repasa a historia de cada unha das edicións deste encontro cinematográfico, que conta un ano máis coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación.
Presentación
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu este serán ao Auditorio Gustavo Freire da Cidade das Murallas para participar na inauguración da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, que chega este ano á súa 40º edición. Previamente, asistiu no salón de actos da Deputación Provincial á presentación do libro 40 semanas de cine en Lugo, co que se conmemora este aniversario.
Valentín García agradeceu o traballo serio e continuado do Grupo Fonmiñá, organizador da Semana de Cine, que permitiu chegar ata esta 40 edición. Ademais, o secretario xeral quixo destacar a sección Cine Galego do festival cinematográfico lucense, que este ano amplía as súas proxeccións, porque é fundamental para apoiar os creadores de cine na nosa lingua e dar a coñecer o seu traballo.
Tanto na presentación do libro como na inauguración da Semana de Cine, Valentín García estivo acompañado polo o xefe territorial da Consellería de Vicepresidencia, Ramón Carballo, nun acto no que tamén participaron a concelleira de Cultura, Carmen Basadre; a deputada provincial de Cultura, Pilar García Porto; a vicerreitora de coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o director da Semana de Cine, Manuel Curiel Fernández, e o presidente do Grupo Cinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz Ramil.
Durante a inauguración oficial do festival foron galardoados Manuel Curiel, director das 40 Semanas de Cine ata agora celebradas; Lucía Yáñez, autora do cartel da Semana; Tareixa Campo, directora do grupo teatral Achádego, e Edgar Fernández Cloos, fillo de Guillermo Fernández Otero, o delegado de Cultura que propiciou no seu día o nacemento da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo. Todos eles recibiron de mans das autoridades presentes estatuíñas deseñadas por Forges para a Semana de Cine.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.