O acto de presentación contou coas intervencións de Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, e de Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela.
Foi unha xornada intensa de actividades variadas e para todas as idades coas cales se quixo homenaxear Rosalía, reivindicándoa como escritora moderna e revolucionaria, defensora dos dereitos da Galiza e das mulleres e, tamén, dunha cultura galega "con superpoderes". Neste sentido, a xornada convocou creadores e creadoras que están a crear distintos produtos arredor de Rosalía -desde camisolas a cadernos ou cuncas- ademais de grandes nomes da nosa cultura que traen Rosalía ás novas linguaxes como Uxía, Mónica de Nut e Ánxela Blanco, Son Trío, Val de Mouras ou Os Quinquilláns.
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, destacou "o potencial da grande superheroína da cultura galega que é Rosalía, unha cultura con superpoderes que pula por emerxer e construír o seu futuro". Pola súa parte, o alcalde, Martiño Noriega, agradeceu á Deputación da Coruña a organización dun festival que "reivindica a figura de Rosalía" tan relevante para o concello, segundo destacou.
As actividades deron comezo co pasarrúas rosaliano realizado polos Quinquilláns, que se repetiu pola tarde, e coa creación dun graffiti rosaliano, a cargo de Vella Escola. A xornada da mañá completouse coa danza-performance Sexo ou as fillas do mar con Ánxela Blanco e Mónica de Nut, que se repetiu tamén pola tarde, e co concerto Rosalía Pequeniña, da man de Uxía. A xornada da tarde contou co obradoiro de rap con versos de Rosalía, a cargo de Vella Escola e cos concertos de Son Trío, no cal reinterpretaron textos de Follas Novas, e da banda folk Val das Mouras. Ao longo do festival contouse ademais coa varias visitas teatralizadas de SuperRosalía e cun photocall coa súa imaxe, que animaron unha praza con moita afluencia.
Nesta nova edición do Festival participaron produtores e produtoras e librarías que levan anos espallando os versos, a imaxe e a figura da poeta nas súas creacións (camisolas, pandeiretas, chaveiros, cadros, libros, cuncas, cervexa...): Animosa. Alma y coraje, As galegas - cervexa ecolóxica, Imprime 3D, Libraría Pedreira, Libraría de Mulleres Lila de Lilith, Libraría Couceiro, Nikis Galicia Style, OZOCOgz, Studio Variopinto e De Cotío.
Esta xornada de celebración do Festival Rosalía é unha proposta de dinamización cultural, cunha programación continuada de 12 horas para exhibir toda a potencia creadora que ten a cultura galega, unha cultura que resiste, ás veces con moitos problemas, pero que sen ningunha dúbida ten unha calidade extraordinaria, concluíu Goretti Sanmartín.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.