Noticias

Marisa Paredes e John Malkovich acompañan o exdirector da Filmoteca Española Chema Prado na homenaxe que lle rende o CGAI

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia programará do 21 de marzo ao 10 de maio un ciclo cinematográfico co que rende homenaxe a Chema Prado, director da Filmoteca Española entre 1989 e 2016, programador desta desde 1975 e, ante todo, amigo e mentor da cinemateca galega desde a súa posta en marcha hai 27 anos. Con motivo desde tributo, o CGAI deulle carta branca a Prado para programar unha serie de películas que marcaron tanto a súa traxectoria profesional como vital, ademais de recibir na Coruña a algunhas das amizades persoais deste galego, natural de Rábade, como é o caso de Marisa Paredes e John Malkovich.

Ao mesmo tempo que desenvolvía o seu labor na Filmoteca Española, Prado axudou a formar o persoal da cinemateca galega desde os seus inicios. Así mesmo, grazas a el leváronse a cabo colaboracións entre ambas as entidades para numerosos traballos de restauración e a súa intervención foi fundamental para o ingreso do CGAI na Federación Internacional de Arquivos Fílmicos (FIAF), selo de recoñecemento mundial.

Ciclo e exposición

Agora, o Centro Galego de Artes da Imaxe agradécelle o seu inestimable apoio co ciclo Vai e Vem. Carta branca a Chema Prado, que toma o seu título da última película de João César Monteiro e é froito da colaboración con diversas cinematecas internacionais de prestixio na cesión de copias para seren proxectadas na Coruña. Esta homenaxe conta, ademais, coa implicación do Concello coruñés na organización no Pazo Municipal de María Pita dunha exposición coa obra fotográfica de Prado, quen ao longo da súa ampla carreira tivo a oportunidade de retratar numerosas personalidades do cinema internacional.

A escolma do CGAI desenvolverase ao longo dunha vintena de sesións durante as que se pasarán títulos míticos, pero tamén rarezas que resultarán un descubrimento ata para o público máis cinéfilo. Todas elas son películas que, dalgunha maneira, marcan a traxectoria profesional de Chema Prado e lle resultan especialmente próximas pola participación nelas dalgúns dos seus amigos persoais.

Estrelas do cinema internacional na Coruña

É o caso da intérprete Marisa Paredes, quen acompañará a Chema Prado na apertura do ciclo o vindeiro xoves 21, coa proxección na filmoteca galega de La flor de mi secreto, de Pedro Almodóvar. Este filme, o terceiro dos seis nos que Paredes se puxo ás ordes do director manchego, supuxo un punto de inflexión na súa carreira interpretativa, ademais de valerlle o premio á mellor actriz no prestixioso festival de Karlovy Vary.

Ao día seguinte, venres 22, será John Malkovich –que mantén unha estreita relación con Prado desde hai anos– quen estará na Coruña para introducir a proxección de El cielo protector, filme do recentemente falecido Bernardo Bertolucci, nunha sesión especial que acollerá o Teatro Colón. O actor, produtor e realizador estadounidense tamén presentará o sábado 23 na sede do CGAI Pasos de baile, película dirixida por el e protagonizada por Javier Bardem.

O pase de El cielo protector no Teatro Colón levarase a cabo en colaboración co Concello da Coruña, do mesmo xeito que o de Stop Making Sense, de Jonathan Demme, que terá lugar o 26 de abril neste mesmo espazo.

No programa seleccionado por Chema Prado para o CGAI, atópanse tamén nomes como Jim Jarmusch, do que se exhibe Dead Man, ademais de You Are Not I, de Sara Driver, na que exerce de director de fotografía. Este último filme, unha rareza difícil de ver, entra na categoría doutros como Route One U.S.A., de Robert Kramer, as películas de Raúl Ruiz O Território e El techo de la ballena ou a recentemente restaurada Il bacio di Tosca, de Daniel Schmid. Deste xeito, o ciclo ofrécelle ao público galego unha oportunidade única de coñeceren fitas de difícil acceso nas mellores condicións técnicas posibles.

Nesta selección hai lugar, así mesmo, para grandes nomes do cinema portugués e español, como Víctor Erice, Iván Zulueta, Manoel de Oliveira e João César Monteiro, entre outros.

R., 2019-03-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES