Notas de prensa

A obra do fotógrafo galego Baldomero Pestana regresa a París, onde retratou a García Márquez, Man Rey ou Polanski

Esta exposición, a través de preto dun cento de fotografías, obxectos persoais e documentos, recupera a memoria do gran fotógrafo que naceu en Castroverde (Lugo), en 1917 e morreu en Bascuas (Lugo), en 2015, e que se converteu nun dos grandes retratistas da segunda metade do século XX. Presidida polo Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, a sede do Instituto Cervantes na capital francesa inaugurou o domingo esta mostra retrospectiva organizada pola Cidade da Cultura coa colaboración desta institución.

A mostra retrospectiva da Cidade da Cultura de Galicia e o Instituto Cervantes sobre o fotógrafo galego Baldomero Pestana exhíbese desde o domingo en París, despois de que fose vista por máis de 15.000 persoas no Museo Gaiás en Santiago de Compostela e, anteriormente, en Madrid por máis de 10.000 visitantes. Deste xeito, a obra dun dos grandes retratistas da segunda metade do século XX regresa a unha das cidades importantes da súa biografía, na que inmortalizou a grandes como Gabriel García Márquez, Man Ray, Roman Polansky ou Bryce Echenique.

à inauguración de Baldomero Pestana, a verdade entre as mans, na sede do Instituto Cervantes de París, asistiu unha delegación galega encabezada polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañada pola directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, familiares e custodios do legado de Baldomero Pestana, Carmen Rico Coira e Antonio Polín, e a co-comisaria, a historiadora Chus Villar. O acto contou coa presenza e intervención do director desta institución na capital francesa, Javier Muñoz, e do agregado cultura á Embaixada de España en Francia, o galego Roberto Varela.

Na súa intervención, o titular de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia salientou que a colaboración co Instituto Cervantes na exposición “máis completa” sobre Baldomero Pestana (Castroverde, Lugo 1917- Bascuas, 2015) permite non só “recatar esta obra para a memoria artística e Galicia”, senón divulgala no resto de España e en países que forman parte da súa biografía como Francia ou Arxentina, xa que a próxima itinerancia prevista, tras a clausura en París, será Buenos Aires.

Importancia de París na obra de Pestana

No entanto, o titular de Cultura da Xunta incidiu no relevante desta mostra en París por ser “esta cidade —xunto con Lugo— a máis importante da traxectoria vital de Baldomero Pestana”. Neste senso, Román Rodríguez recordou na súa intervención que o fotógrafo de Castroverde e a súa muller, Velia, chegaron a París en plena efervescencia estudantil que estalaría no Maio do 68, a cidade volveu converterse, como a principios do século XX, na capital cultural e artística do mundo. O traballo de Pestana, ao principio, tivo que ver co fotoxornalismo e nesta cidade publicou reportaxes para La Nación. Mais tamén logrou incrementar a súa galería de retratos, pois, en efecto, se hai unha cidade onde nesa época se podía facer retratos de persoeiros da cultura e artistas, sobre todo latinoamericanos, era París. Alí vivían Eielson e Ribeyro e Bryce e Hinostroza, entre outros moitos.

En París retratou a españois como Fernando Arrabal e foi nesta cidade onde fotografou a Gabriel García Márquez , Carlos Fuente, Polanski, Man Ray ou a Bryce Echenique. Durante estes anos tamén se ocupou da súa outra gran paixón: o debuxo, coincidindo co gusto da moda polos hiperrealistas e o que se chamou despois fotorrealistas.

A importancia de París na biografía de Baldomero Pestana tamén o é desde o punto de vista persoal. En París está ata que morre a súa muller Velia, e o seu falecemento determinou que abandonase a capital francesa e tomar a decisión, como dicía sempre, de pechar o círculo e regresar a súa terra, Galicia, da que se foi sendo un cativo, e onde faleceu en 2015.

Percorrido pola xeografía vital de Pestana

A mostra —que reúne preto dun cento de fotografías, documentos de traballo e unha escolma de obxectos persoais— pon en valor a un mestre da cámara que, a pesar da notoriedade que acadou en vida, especialmente en Perú, era aínda un descoñecido para o gran público.

Un inxusto esquecemento ao que a Xunta de Galicia –a través da Fundación Cidade da Cultura– e o Instituto Cervantes queren poñer fin aproveitando a proxección do Museo Centro Gaiás e a rede de centros do Instituto Cervantes no exterior. Así, despois de iniciar o seu percorrido o pasado mes de febreiro en Madrid e pasar pola Cidade da Cultura ata o 2 se setembro, as fotografías de Pestana viaxan a París, onde se exhiben desde hoxe ata o 14 de decembro.

Colaboración co Cervantes

Neste senso, o conselleiro recordou que esta exposición segue a liña de proxectos conxuntos entre a Cidade da Cultura e o Instituto Cervantes como a mostra José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, “que permitiu promover un maior coñecemento doutro fotógrafo xenial descoñecido para o gran público”.

Desta forma, puxo en valor que con Baldomero Pestana, a verdade entre as mans “a Xunta continúa a traballar na recuperación do legado de galegos que construíron na diáspora unha obra memorable, que nos lembran que Galicia esténdese alén do Atlántico e a tantos territorios de Europa e América cos que seguimos conectados”, concluíu.

Xunta de Galicia, 2018-10-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (ensino-edixgal.jpg) Un total de 596 centros de Primaria e Secundaria de toda Galicia van participar o vindeiro curso no programa de ensino híbrido E-Dixgal. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP incorpora á iniciativa, a petición dos centros, dous colexios e deciden saír outros tres, de xeito voluntario. En concreto, os centros de nova incorporación son os colexios CEIP de Castrelo de Miño (Castrelo de Miño, Ourense) e o CEIP de Valeixe (A Caniza, Pontevedra). No que atinxe ás renuncias, son as do CEIP de Zalaeta (A Coruña), CEIP Península da Paz (Cervo) e a do Instituto Martaguisela (O Barco).
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos. Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados.

Notas

Galicia prepárase para acoller a edición máis expansiva do festival Pint of Science, que este ano se celebrará de xeito simultáneo en 14 localidades galegas do 18 ao 20 de maio. O evento, que busca sacar a ciencia dos laboratorios e levala ao ambiente distendido dos bares, marca un fito en 2026 ao consolidar a súa presenza tanto nas sete grandes cidades como en concellos do rural e vilas de toda a xeografía galega.
Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, 'unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español'. A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES