
Deste xeito, xa se poden mercar as entradas en Ataquilla.com, Museo Centro Gaiás e na páxina web da Cidade da Cultura para a partir do 13 de abril coñecer a fondo, da man dun dos guías do Servizo de Educación, Mediación e Atención ao visitante da Cidade da Cultura, a historia e as claves deste complexo arquitectónico que representa un dos exemplos máis interesantes da arquitectura contemporánea de España.
En Gaiás segredo, os visitantes poderán explorar esta urbe de cuarcita e cristal deseñada polo norteamericano Peter Eisenman coñecendo polo miúdo o Museo Centro Gaiás, cunha fachada de 43 metros; a Biblioteca e Arquivo de Galicia, cabeceira do sistema de bibliotecas galegas e do patrimonio documental da nosa Comunidade; e as Torres Hejduk, pensadas polo arquitecto John Hejduk como un invernadoiro vertical para Santiago, e trasladadas despois ao Gaiás, onde acolle intervencións artísticas.
Espazos restrinxidos ao público
Gaiás segredo tamén supón para os participantes acceder dun xeito exclusivo ao armado arquitectónico da Cidade da Cultura, xa que estas visitas comentadas inclúen espazos habitualmente restrinxidos ao público como son a galería subterránea que comunica o complexo e as sobrecubertas dos edificios, á vez que poder ver por dentro os sofisticados depósitos bibliográficos.
Finalmente, todos aqueles que fagan uso deste servizo terán a oportunidade de gozar dunhas visitas panorámicas de Compostela desde unha perspectiva pouco habitual, como é a do miradoiro do Bosque de Galicia. Gaiás segredo trátase en definitiva de amosar nun completo e exclusivo percorrido limitado a só 20 persoas por quenda para explorar unha das infraestruturas contemporáneas máis singulares de España.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.