
Á rolda de prensa asistiron os patrocinadores institucionais do evento, o Alcalde do Concello de Tui, Carlos Vázquez Padín, en representación da Xunta de Galicia o director de Agadic, Jacobo Sutil, e por parte de Play-Doc Anxo Sánchez, codirector do festival e Belí Martínez, responsable da programación de cinema galego.
Durante a rolda de prensa destacouse a relevancia do evento dentro do panorama audiovisual nacional, en palabras do Alcalde, Carlos Váquez Padín, ´é un traballo feito con orixinalidade buscando un nicho para converterse nun evento de referencia´ destacando tamén ´a importante contribución á marca Tui e ao desenvolvemento económico da cidade´. Pola súa banda, Jacobo Sutil, director do Agadic, destacou ´a importante labor que exerce Play-Doc na dinamización da cultural audiovisual en Galicia e na creación de novos públicos´.
Panorama Galicia. Un dos compromisos e obxectivos de Play-Doc é poñer en valor o enorme talento cinematográfico que hai en Galicia. Nesta sección mostraranse traballos recentes producidos en Galicia que exemplifican como este territorio segue en constante ebulición. Beli Martínez destacou a diversidade nas miradas, nas formas e nos formatos é o que máis pode definir o conxunto de películas que conforman o panorama gallego recente´ e referiuse ao certame como ´un punto de encontro e un lugar onde os cineastas galegos medraron xunto con el, chegándose a converter na súa casa´. Os títulos seleccionados son: A Typical Morning de Arancha Brandon, Empalaos- Valverde de la Vera de Iria Sanjurjo, Gallo de Antonio Díaz Huerta, Hamada de Eloy Domínguez Serén, Ilha de Alexandre Cancelo, Lucía en la Noche de David Varela, Manoliño Nguema de Antonio Grunfeld, Rexistros, Xeografía de San Sadurniño de Adrián Canoura e What you gonna do when the world´s on fire dirixida por Roberto Minervini coa dirección de fotografía a mans do galego Diego Romero Suárez-Chairo.
Play-Doc TV- North by Northwest. Hai uns anos Play-Doc e R, o operador de cable en Galicia, puxeron en marcha a Play-Doc TV, unha versión televisiva do festival en forma de plataforma de VOD cuxo obxectivo é achegar ao público, durante os 365 días do ano, un cinema á marxe dos circuítos comerciais dándolle así un maior alcance e visibilidade. Os responsables do festival anunciaron que Play- Doc TV expándese, dando un paso máis e informaron que a partir de abril estenderase por todo o noroeste peninsular, sendo accesible non só en Galicia a través de R, senón tamén en Asturias, a través de Telecable, e en Euskadi con Euskaltel.
Para celebrar esta nova etapa nace unha nova sección dentro do festival. North by Northwest, (título tomado do clásico de Hitchcock) na que teñen cabida películas procedentes do norte e noroeste peninsular. As películas que conforman este programa son, a asturiana dirixida por Marcos M. Merino, In Memorian (la derrota conviene olvidarla), a galega La Estrella Errante obra do realizador ferrolán Alberto Gracia, e última película da directora vasca Maider Oleaga, Muga Deitzen Da Pausoa- Paso al límite.
Con este programa, o festival galego, volve demostrar o seu compromiso por visibilizar o traballo dos cineastas máis próximos, poñendo en valor o enorme talento e diversidade de propostas de calidade que existen, e que por desgraza contrasta coas enormes dificultades que ten o público para acceder a estes contidos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.