Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia alterna sesións didácticas e educativas, con sesións prácticas e lúdicas. Comeza o xoves 25 de abril cunha masterclass sobre cor dixital, da man dun dos máis prestixiosos ilustradores de banda deseñada histórica do estado, Javier Montes, que traballa para as principais editoriais de cómic dos mercados americano e franco-belga, como Marvel, DC, Dargaud ou Le Lombard. Continuará na fin de semana do 4 e 5 de maio con sesións teóricas, conferencias e obradoiros prácticos sobre banda deseñada histórica. O sábado 4 de maio haberá ruta histórica polo Lugo Romano con Lidia de la Fuente, fundadora da empresa lucense Camiños con Arte, e especialista na historia de Lugo. Esta actividade, está organizada polo proxecto de turismo histórico Rutas de Historia.
A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, que realizará este ano varias exposicións dos seus fondos, conmemora o noventa aniversario do nacemento en Ourense do poeta, acontecido o 25 de abril de 1929, co libro de Claudio Rodríguez Fer titulado “Valente infinito (Libertad creativa y conexiones interculturales)”, última publicación de dita entidade, pois nada pode reprentar mellor ao autor homenaxeado que precisamente salientar a súa infinitude. A obra inclúe unha mostra da íntima e entrañable amizade de Valente con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, quen remata o volume co seu poema “Nostalxia de nós”, inspirado pola última vez que se viron.
Juan de Castro, director do Festival Primavera do Cine presentou a oitava edición do certame, que se celebrará do 30 de abril ao 5 de maio, aínda que as actividades previas deron comezo o pasado 22 de abril con Viva Cuba, unha retrospectiva do cinema cubano organizado con motivo do 60º Aniversario da Revolución e que se estenderá ata este xoves. Así, na presentación oficial do certame, Juan de Castro comenta que “esta semana aínda quedan dúas actividades polas que apostamos moito no festival, Cinema nos Barrios, o venres en Navia e o sábado no Casco Vello Alto e Cine Miúdo, un evento ao que acudirán 800 cativos a visualizar filmes de principios de século e con música en directo feita por Caspervek” e continúa dicindo que “a semana que ven xa dará comezo ao resto de actividades paralelas e a sección oficial”.
O Centro Dramático Galego (CDG) entra na terceira semana de representacións de Neorretranca e posmorriña no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse ata o vindeiro 5 de abril. A actividade retomarase mañá e o mércores cos primeiros pases matinais da campaña escolar da nova produción propia da compañía pública, dirixida por Gena Baamonde a partir dos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. Gena Baamonde dirixe Neorretranca e posmorriña para o CDG cun elenco integramente feminino do que forman parte Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde.
A Sociedade de Filosofía Medieval desenvolve estes días o seu congreso internacional anual que, co lema 'De amicitia. Amizade na filosofía medieval e inicios da modernidade', nesta ocasión serve tamén de homenaxe ao profesor da USC finado o pasado ano César Raña Dafonte. Na inauguración do encontro participarán o decano do centro, Marcelino Agís Villaverde; o presidente de SOFIME, José Francisco Meirinhos; o director do Departamento de Filosofía e Antropoloxía da USC, José Luis Falguera López; e o presidente do comité organizador, Martín González Fernandez. Os relatorios comezarán coa lectura por parte de Rocío Carolo do texto 'Filosofía e amizade no Medievo' da autoría de César Raña.
A Cidade da Cultura abrirá ao público o Xardín do Teatro, o espazo verde co que culmina a transformación do baleiro deixado polo Teatro da Música, un dos dous edificios do Gaiás que non se chegou a rematar. Este novo xardín, de 11.574 metros cadrados, conta con especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques, instalacións para practicar deportes urbanos e áreas de lecer para gozar da natureza. O proxecto do Xardín do Teatro foi realizado polo estudio de arquitectura de Compostela RVR conxuntamente coa UTE Perea+Euroestudios. O deseño baséase nas ideas de diversidade e universalidade, a través dunha escolla de especies procedentes de todos os continentes, complementando así ao Bosque de Galicia.
Dez traballos procedentes das tres universidades galegas conforman o programa da vixésima Mostra de Teatro Universitario de Galicia que se desenvolverá no Teatro Principal e na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño. Entre os días 22 de abril e 16 de maio, sete compañías da USC, dúas da Universidade de Vigo e unha da Coruña amosarán as súas montaxes escénicas dende as 21.00 horas, con función dobre os días 14 e 16 de maio. A entrada é de balde previo paso polo despacho de entradas, aberto dende as 18.00 horas no caso do Teatro Principal e dende as 20.30 horas na Sala Roberto Vidal Bolaño.
Os galegos Davide Salvado e Fernando Barroso son dous dos 20 artistas seleccionados para o cartel de concertos promocionais de SoL Madrid, evento profesional arredor do negocio da música que terá lugar do 6 ao 8 de xuño. Definido pola organización como evento boutique, SoL Madrid celebrarase no Impact Hub arredor dun programa de reunións de negocios entre empresas, profesionais e artistas cun exclusivo grupo de programadores de festivais, axencias de contratación e medios de comunicación procedentes de Asia, Estados Unidos, Europa e Latinoamérica. En paralelo, desenvolveranse os devanditos concertos promocionais, aos que estarán convidados os acreditados no encontro.
O próximo 30 de abril dará comezo a sección oficial do VIII Festival Primavera do Cine en Vigo. Nesta ocasión, para o apartado de curtametraxes, realizouse unha selección de 34 traballos divididos en tres categorías diferentes: curtas galegas, curtas lusófonas e curtas de animación. Entre as obras escollidas cabe destacar Madness de João Viana ou Altas cidades de Ossadas, de João Salaviza, ambas estreadas na Berlinale, Mariñeiro de Juan Galiñanes, unha peza documental con Celso Bugallo ou Americano, o último traballo do vigués Fon Cortizo. En definitiva, a octava edición do Primavera do Cine mostrará creacións dunha gran calidade artística.
A exposición amosa un total de 12 paneis que achegan ao visitante á persoa de Antonio Fraguas. Deste xeito, o panel Universo Insuela fai referencia á infancia e ao contacto que Antonio Fraguas tivo desde o berce coa cultura popular. En 'O destino non estaba escrito' preséntase un punto de xiro na vida daquel neno que parecía abocado a emigrar ao Brasil e Pontevedra, o primeiro agromar galeguista fala dos seus anos como alumno de secundaria e da decisiva influencia dos profesores que atopou na cidade do Lérez, como Castelao, Sobrino Buhigas ou Losada Diéguez. Así mesmo, 'Santiago, a cidade no corazón', aborda a súa etapa como estudante universitario, que trae o ingreso no Seminario de Estudos Galegos e nas Irmandades da Fala.
« Anterior | 101  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

A Semana de Cine de Lugo, -que o Grupo comezou a organizar en 1979, e ven de celebrar a súa 40ª edición, co apoio da Deputación Provincial, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e Universidade de Compostela/Campus de Lugo- podería cambiar as datas de celebración para a segunda semana do mes de outubre, unha vez iniciado o curso na Universidade
O ciclo Galicia Importa 2018 chegará á súa fin o sábado 10 de novembro co concerto que a lenda do jazz Ron Carter ofrecerá ás 22,00 horas no Teatro Principal de Ourense, presentando por primeira vez na nosa Comunidade o seu Foursight Quartet. Este será o último dos cinco concertos da actual edición do programa, que organiza Sweet Nocturna.
A cidade portuguesa de Braga acolle desde hoxe e ata principios de decembro a exposición itinerante De mar a mar, como parte da programación do Ano do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa que a Consellería de Cultura e Turismo está a celebrar durante todo este 2018, como establece o Plan director do Camiño de Santiago.
'Elisa e Marcela', o espectáculo de A Panadaría en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), prográmase de novo no Salón Teatro de Santiago, onde xa fora representado con gran éxito hai un ano, tras desenvolver aquí unha residencia artística de 20 días. A montaxe, que aborda a historia da voda entre dúas mulleres que tivo lugar na Coruña en 1901 como o primeiro casamento homosexual do que se ten constancia en España.
O Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e con Edicións Positivas, convocan a primeira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais. Un galardón de carácter anual, dotado con 7.000 euros e coa edición da obra, e que estará aberto a autoras e autores que presenten unha obra dramática inédita, nunca antes premiada e escrita en lingua galega.
A Cidade da Cultura celebra este sábado a súa primeira foliada de outono co ‘Magosto no Gaiás’. Para celebrar esta cita cultural e gastronómica con tanto arraigo na cultura popular galega, non só se contará coas imprescindibles castañas senón que se adobiará a festa cos ritmos enxebres e enérxicos de Xosé Lois Romero & Aliboria.
O venres 19 de outubro tivo lugar na Casa de Galicia en Las Palmas de Gran Canaria a inauguración da exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. No devandito acto participaron Albino Aneiros, presidente da Casa de Galicia en Las Palmas, Marisa González Lagarón, membro da Xunta Directiva, e Antonio Giz en representación de GaliciaDigital.
Será o xoves, 25 de outubro, ás 19,30 horas, na Biblioteca Nodal, organizada polo Ateneo Nacionalista de Lugo
Trátase do glosario trilingüe 'Termos esenciais de dereito do traballo e da seguridade social",elaborado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, co apoio da Consellería de Cultura e Turismo
O próximo 27 de outubro de 2018, ás 12,00 h., no Museo do Pobo Galego, hase celebrar unha homenaxe póstuma ao que foi o seu Director, Carlos García Martínez, no que se contará coa actuación musical de Miro Casabella, e a intervención de Carlos A. García Pose, en representación da familia.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES