
A primeira parte de Valente infinito, aborda, baixo o título "Todos los géneros, todas las lenguas", ao creador total, que cultivou todos os xéneros literarios; ao ensaísta extremo, que reflexionou sobre as máis variadas materias; ao tradutor transparente, que manexou sete idiomas nas súas versións; e ao escritor bilingüe, que cultivou con igual calidade o castelán e o galego, a súa lingua orixinaria.
E, na segunda parte, titulada "Todas las culturas, todas las épocas", móstranse algunhas das principais conexións culturais e interculturais de Valente (dende os clásicos casteláns aos haikús orientais, pasando por referentes tan fundamentais na súa obra como Hölderlin, Borges, a cábala ou o sufismo), así como as súas principais incursións interdisciplinarias, centradas na música e nas artes plásticas. E a isto cómpre engadir, como documento ao tempo humano e intelectual, a súa relación epistolar co grupo poético do 27 (neste caso concretada no epistolario con Jorge Guillén) e cos escritores latinoamericanos (aquí circunscrita a Octavio Paz, Julio Cortázar e Mario Vargas Llosa).
Finalmente, a obra inclúe unha mostra da íntima e entrañable amizade de Valente con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, quen remata o volume co seu poema Nostalxia de nós, inspirado pola última vez que se viron.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.