
Balas sobre Broadway de Tolemia Teatro (USC) abrirá o programa o luns 22 no Teatro Principal, onde tamén terán lugar as funcións do martes 23, a cargo de Faisca Teatro (USC) que subirá a escena O que che contei mentres facías que durmías, e do mércores 24 da man de Artías Teatro (USC) e a obra Unha noite de escuras intencións.
O ciclo proseguirá na Sala Roberto Vidal Bolaño o luns 6 coa representación de Círculo, a cargo da Aula de Teatro Universitaria de Vigo. O martes 7 Corifeo Teatro da Universidade da Coruña representará 'Animaliños', a quen seguirá o mércores 8 Artías Teatro (USC) con Memoria de Helena e María.
A peza Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse, da Aula de Teatro Universitaria Maricastaña de Ourense, dará continuidade ao programa o luns 13 de maio no Teatro Principal, onde o martes 14 a Aula de Teatro da USC-Lugo escenifica Casa de ilusións, mentres que o mércores 15 será a quenda de LaBarata (USC) con Solo de triángulo en Re. 2º movemento, 3ª parte, Allegro (pero non tanto). Para pechar esta programación, Tra Tra Teatro (USC) subirá ás táboas Arte, novamente na Sala Roberto Vidal Bolaño.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.