//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Inaugurouse a mostra dedicada a Antonio Fraguas con motivo do Día das Letras Galegas no Arquivo e Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. Trátase dunha exposición na que se inclúen as 40 pezas, entre as que se inclúen algunhas das obras máis importantes de Antonio Fraguas como etnógrafo e antropólogo. A exposición, que se poderá visitar ata finais do mes de agosto, trata de achegar aos visitantes á figura de Fraguas como historiador e xeógrafo, coa presenza de obras como Geografía de Galicia, título de referencia aínda hoxe para calquera estudo sobre este tema publicada en 1953. Tamén estarán presentes algunhas das súa obras sobre a Historia de Galicia ou o Colexio de Fonseca, tema da súa tese de doutoramento.
O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por terceiro ano consecutivo o programa Teatro Ob-sceno, un ciclo de accións escénicas curtas a través do que abre para a exhibición artística diferentes estancias da súa sede do Salón Teatro de Santiago, todas elas fóra do escenario. Neste caso, os camerinos, as oficinas e a biblioteca acollen as seis pezas desta edición, que se desenvolverá durante o mes de maio. O ciclo terá continuidade na fin de semana do 24 ao 26 de maio con outras tres pezas curtas, que se exhibirán nos mesmos horarios. No camerino, escenificarase Alicia morreu de sobredose, unha proposta de Rinoceronte Teatro creada e interpretada por Noelia Toledano.
Este programa ofrece un conxunto de actividades nas bibliotecas públicas galegas para achegar a cidadanía á lectura e á información dun xeito lúdico. As actividades incluídas nesta iniciativa son moi diversas, desde obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca ou actividades de dinamización con música, teatro e danza entre outros. Todas estas iniciativas están dirixidas a públicos específicos, como bebés de 0 a 3 anos, mozos e adultos, falando sempre de actividades de animación á lectura destinadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e á prevención e sensibilización contra a violencia de xénero no marco do programa Ler conta moito.
Presentouse hoxe en Pontevedra a vindeira edición de PortAmérica, que se desenvolverá en Caldas de Reis do 4 ao 6 de xullo cunha ampla carteleira de concertos de diversos estilos e con demostracións gastronómicas a cargo de recoñecidos chefs como actividades centrais. A empresa galega Esmerarte, organizadora do evento, reuniu os seus principais patrocinadores e colaboradores para dar a coñecer o programa completo do festival, no que actuarán máis de trinta bandas, entre elas Madness, Andrés Calamaro, Rozalén, Carlos Sadness, Depedro, Amaia, Carolina Durante, Zahara, Elefantes, Presumido ou Mon Laferte.
Os museos galegos ofrecen durante toda esta semana un amplo programa de actividades para todos os públicos para celebrar, o 18 de maio, o Día Internacional dos Museos baixo o lema Os museos como eixes culturais: o futuro da tradicións. O obxectivo marcado nesta edición polo Consello Internacional de Museos é subliñar os novos papeis que desempeñan os museos como axentes activos nas súas comunidades. Con este fin, os museos de xestión autonómica teñen programadas actividades como xornadas de portas abertas, visitas guiadas, concertos, obradoiros, espectáculos de monicreques ou romarías. Moitos dos museos empezan xa a celebración da efeméride nas xornadas previas ao 18 de maio.
O 33º Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña desvelou esta mañá un novo avance do seu cartel para este 2019. A frescura retro-futurista de Belako, que mistura o punk-rock cos ambientes máis cálidos da electrónica sinfónica, subirase ás táboas da Praia de Riazor o sábado 10 de agosto. Pola súa banda, a lenda estadounidense Jello Biafra, considerado como o líder intelectual do movemento punk, súmase ao cartel do venres 9 en Riazor xunto a Patti Smith and Band e Nathy Peluso. Mentres, o inclasificable trobador tecno Joe Crepúsculo celebrará unha década de carreira a ritmo de baile irracional no Noroeste, onde tamén sorprenderá o indie pop imparable de Los Punsetes.
Foi presentado no Instituto Lucus Augusti de Lugo (antigo Instituto Masculino) o proxecto-homenaxe "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO". Convocados polo profesor Manuel Regueiro Tenreiro, que tivo gran relación profesional e persoal con don Antonio Fraguas, xuntaron lembranzas o historiador Antonio Prado Gómez (ao que nada do antigo Instituto Masculino de Lugo lle é alleo), e os antigos alumnos do vello profesor, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, para por serlle dedicado a Fraguas o Día das Letras Galegas do ano 2019 facer un achegamento á pegada que o Mestre Fraguas deixou na cidade das murallas, e en todos os que tivemos / tiveron a sorte de telo por docente e amigo.
A Cidade da Cultura de Galicia súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha lectura participativa e polas redes sociais, o mesmo 17 de maio, de obras do homenaxeado neste 2019, Antonio Fraguas (Cerdedo, 1905 Santiago de Compostela, 1999). Parte das importantes achegas e achados deste investigador e divulgador da cultura popular galega serán lidas -e emitidas en liña- por aqueles visitantes que estean esa xornada no Museo Centro Gaiás, no que precisamente se realizarán visitas comentadas, e de balde, á exposición Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia. Estarán especializadas nas pezas cedidas polo Museo do Pobo Galego (MPG), institución da que foi director e tamén presidente do padroado.
O Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta semana a Contraproducións con sete pases do espectáculo Fillos do sol, unha proposta escénica de Cándido Pazó arredor da figura do escritor Eduardo Pondal e do seu poema épico Os Eoas. Serán catro funcións para público xeral, do xoves 9 ao domingo 12, e outras tres dirixidas a escolares, nos días lectivos. A compañía galega presenta esta montaxe no centenario da morte do autor de Ponteceso, un dos piares literarios do Rexurdimento Galego, e faino achegándose á súa vida e obra a través dunha produción que mestura realidade ficcionada e fabulación dramática.
O venres no Teatro Colón a actriz María Casares volverá á escena como protagonista da obra "Despois das ondas", de Ernesto Is, gañadora do Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña que agora converte en espectáculo teatral en coprodución con ButacaZero. As actrices Belén Constenla e Nerea Brey dan vida á actriz nunha obra que percorre a súa biografía. A montaxe incluirá proxeccións de imaxes nunha gran pantalla que se incorpora a unha impresionante montaxe con Roi Fernández (Sr. Pause Cinescapismo) ao cargo da creación audiovisual que !realiza unha película a tempo que leva a fragmentación ao grafismo, ao vídeo, aos collages...e á vangarda e contemporaneidade que a caracterizan.
O Centro Dramático Galego (CDG) e a compañía Pistacatro Produtora colaboran para ofrecerlles aos profesionais do circo e das artes escénicas galegas o taller O actor de circo, por un adestramento creativo, a cargo do italiano Roberto Magro.
A 3ª edición de SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2018, Festival Internacional e Certame de Creación de Dúos e Solos que terá lugar no Auditorio Municipal de Ourense os días 23 e 24 de novembro 2018. A terceira edición contará con artistas de Galicia, País Vasco, Madrid, Cataluña, Asturias, Alicante, Valencia, Santander, Zaragoza, Murcia, Albacete, Sevilla, Portugal, México, Costa Rica, etc.
A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu a presentación de Todos tenemos un muerto, terceira novela do médico santiagués afincado en en Lugo, Francisco Javier Neira Pampín, editada por GaliciaDigital, escrita cunha prosa áxil, con todos os ingredientes do xénero policíaco e na que non falta o seu toque de humor persoal.
Entre o 17 e o 18 de novembro de 1918 as Irmandades da Fala desenvolvían, no Teatro Lugo-Salón, a I Asemblea Nacionalista Galega. Neste encontro explicitaron os asistentes, e todas as agrupacións locais das Irmandades representadas, que o seu compromiso político facía que se denominaran nacionalistas galegos.
A banda María Fumaça, capitaneada por Uxía, será a convidada este sábado na gala final do Quero Cantar en que se decidirán os grupos gañadores na modalidade de infantil e xuvenil da terceira edición do certame musical da Deputación da Coruña. A coñecida banda dará inicio á festa interpretando as cancións que máis populares se fixeron nos últimos anos entre as nenas e os nenos galegos.
Hoxe, en Santiago, presentarase NO PERFIL DAS VERBAS, poemario de Baldomero Iglesias-Dobarrio (Mero), con debuxos de María Guerrero Rico. A presentación efectuarase ás 7,30 da tarde, na Libraría Couceiro, e nela participarán, ademáis do autor, Alfonso Blanco Torrado (Editor), David Otero, Pilar Sampedro e Xulio Xiz, aos que acompañarán a debuxante, María Guerrero, o gaiteiro Raul Galego, e o escultor Xosé Val Díaz-Valdi.
O próximo 19 de novembro terá lugar a entrega dos VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, concurso impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura, para favorecer a creación de novas empresas no eido das industrias culturais e creativas, e que contan co patrocinio de Afundación e a colaboración do Igape. Os gañadores daranse a coñecer nun acto no que tamén participará a escritora e divulgadora Elsa Punset.
Tentación sonora, a nova colección pictórica da artista coruñesa María Xesús Díaz inaugurouse o día 2 e poderá contemplarse durante o mes de novembro en Vigo, na sede Afundación. Na mostra atópanse 32 obras de distintos formatos, que van dende 50x50 cm as máis pequenas ata 146x130 as de maior tamaño. Os temas ainda que moi diferentes, son paixases inventados con unha interpretación moi persoal por parte da artista.
Deuse a coñecer o ditame da cuadraséxima primeira edición dos Premios da Crítica de Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.
Ata o vindeiro 20 de xaneiro, a mostra 'Marcelo Macías. 175 aniversario' ofrece na Sala de Exposicións Afundación preto de 120 pezas de variada índole, que son testemuña da vida e obra do mentor institucional do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Dentro do conxunto, cómpre destacar o conxunto epigráfico procedente de Nocela da Pena.