Notas de prensa

Preséntase hoxe o libro 'No perfil das verbas', de Baldomero Iglesias-Dobarrio

Hoxe, en Santiago, presentarase NO PERFIL DAS VERBAS, poemario de Baldomero Iglesias-Dobarrio (Mero), con debuxos de María Guerrero Rico. A presentación efectuarase ás 7,30 da tarde, na Libraría Couceiro, e nela participarán, ademáis do autor, Alfonso Blanco Torrado (Editor), David Otero, Pilar Sampedro e Xulio Xiz, aos que acompañarán a debuxante, María Guerrero, o gaiteiro Raul Galego, e o escultor Xosé Val Díaz-Valdi.

Baldomero Igleias Dobarrio-Mero, xeralmente coñecido como músico, compositor e intérprete, foi membro fundador de Fuxan os Ventos e A Quenlla, e do colectivo Galicia canta ao neno, téndose acreditado nos últimos anos como destacado poeta conseguindo numerosos e prestixiosos premios literarios e tendo publicado os poemarios NA LONXITUDE DO TEMPO (2005), RECENDOS DE LUZ E SOMBRA (2005), NO PAPEL QUE MUDO ESCOITA (2011) ou DOCE DUCIAS (2016).

O prologuista do libro, Alfonso Blanco Torrado, lembra o final do último libro publicado, DOCE DUCIAS, no que o autor escribe:”Tampouco hai porque contalo todo. / Algo terá que quedar, remoendo alá no fondo, / onde só cada quen é amo, señor e dono!”. Pois parece nacer este libro, precisamente, do remoer poético no fondo, e por iso recolle boa parte dese libro anterior, e numerosos poemas novos, tendo como Norte ( e os outros tres puntos cardinais) a Vilalba onde veu a luz, e a Terra Chá que o emocionou e conquistou desde a nenez.

María Guerrero Rico ilustra o libro con fermosos e sinxelos trazos, por veces con querencia infantil, sempre firmes e acertados, sempre garimosos e precisos, que fan deste libro unha xoia literaria e artística, apta para todos os públicos sensibles e á medida de cada lector.

A edición, dirixida por Alfonso Blanco Torrado, está a cargo da Asociación Cultural Xermolos-Irmandade Manuel María, de Guitiriz da Terra Cha, entidade que conforma unha rella cultural que leva adiante cada ano ducias de proxectos relacionados coa Chaira e as súas xentes, tendo como norte a devoción polos escritores Manuel Maria e Xosé Maria Díaz Castro.

Asociación Cultural Xermolos-Irmandade Manuel María, 2018-11-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES