Notas de prensa

O Arqueolóxico de Ourense homenaxea ao seu mentor coa mostra 'Marcelo Macías. 175 aniversario'

Ata o vindeiro 20 de xaneiro, a mostra 'Marcelo Macías. 175 aniversario' ofrece na Sala de Exposicións Afundación preto de 120 pezas de variada índole, que son testemuña da vida e obra do mentor institucional do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Dentro do conxunto, cómpre destacar o conxunto epigráfico procedente de Nocela da Pena.

Unha institución cultural xestionada pola Xunta de Galicia que, con esta mostra, “pretende dar a coñecer ‒en palabras do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez‒ unha figura fundamental da cultura e a sociedade, non só ourensá, senón galega.”

Así o explicou hoxe na inauguración da exposición o titular de Cultura, quen ademais incidiu nas múltiples achegas deste “astorgano de nacemento e galego de adopción” no desenvolvemento de Ourense durante as primeiras décadas do século XX, “desde a actividade docente, intelectual e de xestión cultural e do patrimonio”. Así mesmo, Román Rodríguez lembrou que con esta mostra “non só conmemoramos o 175 aniversario do nacemento de Marcelo Macías, senón que tamén lle achegamos á sociedade ourensá o traballo do Museo Arqueolóxico como depositario e transmisor da memoria colectiva desta terra”. O conselleiro concluíu afirmando que salvagardar o patrimonio, como fixo Macías, supón manter e legar a cultura de nós.

O acto inaugural foi presidido polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e nel tomaron parte, ademais do conselleiro, a padroeira de Afundación, Mercedes Rozas; e o director do Museo Arqueolóxico de Ourense, Xulio Rodríguez. Logo das intervencións institucionais houbo unha visita guiada a cargo de Avelino Rodríguez, comisario da mostra a canda Xulio Rodríguez.
Conxunto epigráfico de Sarreaus

A mostra recolle unha ampla escolma de preto de 120 obras e articúlase en diferentes campos temáticos que se corresponden coa xeografía vital de Marcelo Macías, cos diferentes eidos de estudo nos que traballou e coas numerosas homenaxes e recoñecementos que recibiu. Dentro do conxunto, cómpre destacar o conxunto epigráfico procedente de Nocela da Pena (Sarreaus), integrado por dúas lápidas honoríficas, unha dedicada ao emperador Adriano e outra Antonino Pio, xunto cunha estela bifronte.

A mostra acolle elementos de diversas índole, desde a ara de Diana, pasando por unha selección de obxectos de ourivería relixiosa e mobiliario litúrxico, até unha serie de medallas, pergameos e conmemoracións que fan referencia aos homenaxes e recoñecementos recibidos por Macías. Sen faltar, finalmente, pezas que ilustran aspectos relacionados co ocio, como a música, representada por un flagelot, instrumento que segundo recorda Otero Pedrayo aprendeu a tocar sendo novo, e que seguiría tocando en idade madura.

Afundación, 2018-11-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES