Noticias

Belako, Jello Biafra, Los Punsetes e Joe Crepúsculo actuarán no Noroeste Estrella Galicia 2019

O 33º Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña desvelou esta mañá un novo avance do seu cartel para este 2019. A frescura retro-futurista de Belako, que mistura o punk-rock cos ambientes máis cálidos da electrónica sinfónica, subirase ás táboas da Praia de Riazor o sábado 10 de agosto. Pola súa banda, a lenda estadounidense Jello Biafra, considerado como o líder intelectual do movemento punk, súmase ao cartel do venres 9 en Riazor xunto a Patti Smith and Band e Nathy Peluso. Mentres, o inclasificable trobador tecno Joe Crepúsculo celebrará unha década de carreira a ritmo de baile irracional no Noroeste, onde tamén sorprenderá o indie pop imparable de Los Punsetes.

Mastodonte, o novo proxecto musical de Asier Etxeandia ao alimón con Enrico Barbaro, chega á Coruña como unha festa na que a electrónica, o rock, o barroco, o funk, o experimental, o clásico e a música dance fúndense nunha celebración definitiva. Pola súa banda, a icona da canción Paco Ibáñez poñerá música ás composicións de poetas como Alberti, Neruda ou Goytisolo na Selección Noroeste 2019, que tamén achegará ás butacas da Coruña a singular fusión de jazz e fado do compositor e músico portugués Júlio Resende.

Así mesmo, o Noroeste Estrella Galicia continúa un ano máis a súa aposta por visibilizar o que está a acontecer na escena musical galega, coas confirmacións de Baiuca, Basanta, Electra, Holywater, Os Amigos dos Músicos, Pablo Lesuit, Pardo, Santi Aráujo e Silvia Penide. No 33º Noroeste Estrella Galicia na súa versión expandida por enclaves singulares da Coruña actuarán, ademais, as seguintes bandas e artistas recentemente confirmadas: Bart Davenport, Hailu Mergia, La URSS, Los Estanques, Los Vinagres, Los Voluble, Lucifer, Night Shades, Teething, The Sey Sisters, Volcanes e Zu. Estas novas figuras súmanse a un cartel no que xa estaban anunciadas Patti Smith and Band, Nathy Peluso, Soleá Morente, Andhrea & the Black Cats, Holly Miranda, Jenny and the Mexicats, Las Antonias e Vudú.

O 33º Noroeste Estrella Galicia celebrarase do 6 ao 11 de agosto de 2019, coa mesma filosofía urbana, ecléctica e de calidade dos seus últimos catro anos. Na súa pasada edición, o festival rexistrou preto de 90.000 asistentes. Este ano repetirá as súas máis de 150 horas de música ao vivo sobre escenarios singulares de toda a cidade, para consolidarse de novo como unha cita única e de referencia do verán peninsular.

ECLECTICISMO, CALIDADE, VIVENCIA E DESCUBRIMENTO NUN FESTIVAL URBANO DE REFERENCIA

Como cada ano, A Coruña transformarase en agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2019, o festival celebrarase do 6 ao 11 de agosto e contará con máis de 80 bandas e artistas que inundarán cos sons máis eclécticos todos os recunchos urbanos da cidade. O Festival Noroeste Estrella Galicia é unha cita musical única en España, que ofrece un programa atractivo de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 60.000 persoas.

Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, o Noroeste está organizado polo Concello da Coruña e conta coa colaboración especial de Estrella Galicia. Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia apostará non só por grandes nomes internacionais, senón tamén polas novas promesas que pisan forte e polas bandas locais e galegas con moito que dicir enriba dun escenario, coa fin de ser de novo o reflexo dunha cidade moderna e fundamentalmente musical. Da súa man, A Coruña abrirase a novos camiños, a novas maneiras de facer e de mirar, consolidándose coma un reclamo de turismo experiencial, contemporáneo e singular.

Fiel á filosofía que ven caracterizando ao festival nas súas últimas edicións, o Noroeste Estrella Galicia manterá en 2019 o seu carácter urbano con escenarios repartidos por toda a cidade, para ofertar ao público novas experiencias e outras formas de interactuar coa xente a través da música. Asimesmo, o Noroeste Estrella Galicia repetirá a súa aposta por ofrecer ciclos de programación para todo tipo de públicos a diferentes horas do día e da noite. Na súa 33º edición contará de novo con sesións matinais (para ampliar a experiencia da cidadanía tamén no mediodía, da man de bandas con pegada da escena galega e estatal) e o Ciclo Selección Noroeste (con directos exclusivos en teatros e recintos a cuberto da cidade). O Mercado da Colleita, de Hijos de Rivera, celebrarase tamén durante a fin de semana.

O Concello da Coruña e Estrella Galicia continúan a súa colaboración un ano máis trala firma en 2016 dun convenio institucional relativo á programación cultural que se pode gozar na cidade e que ten como máximo expoñente ao Noroeste. Así mesmo, o festival colaborará un ano máis co xa clásico Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM, que proximamente abrirá a súa convocatoria para este 2019.

R., 2019-05-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES