
A plataforma VÍA GALEGA, Plataforma Social que defende os dereitos de Galiza como Nación, e composta tanto por organizacións coma por persoas a título individual celebrará o vindeiro Domingo 18 de Novembro na cidade de Lugo diversos actos de conmemoración do I centenario da celebración da I Asamblea Nazonalista no ano 1918 en Lugo e impulsada polas Irmandades da Fala.
Para conmemorar o centenario daquel feito, central na reivindicación da Galiza como suxeito político e a reclamación da súa soberanía, Vía Galega desenvolverá un completo programa de actos na cidade de Lugo, que será o seguinte:
Ás 10:45h. ENCONTRO-ASEMBLEA, no salón de actos do I.E.S. Lucus Augusti, durante o que se dará APROBACIÓN Á CARTA DOS DEREITOS GALEGOS. Neste acto, diferentes personalidades da sociedade civil galega nos distintos eidos: cultural, ecoloxista, económico, sindical, estudantil, agrario
, darán lectura ao texto da CARTA DOS DEREITOS GALEGOS. Dito acto estará conducido por Xurxo Souto e haberá actuacións musicais, destacando a Coral de Cantigas e Flores.
Ás 13:00h haberá unha Ofrenda Floral diante do Hotel Méndez Núñez de Lugo, acto en colaboración coa Convocatoria Faraldo.
Ás 13:30h iniciarase un Paseo pola Muralla, entre o Campo Castelo e a Catedral, onde se ira dando lectura a diferentes textos das Irmandades da Fala, por representantes das entidades culturais de Lugo: Adolfo de Abel Vilela, Presidente de Lugo-Patrimonio; Tonina Gay, Presidenta do Clube Cultural Valle Inclán; María Casar, Presidenta da Agrupación Cultural Ergueitos (Sarria); Marisa Barreiro; Presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (Vilalba) e Mónica Lago, da Asociación Cultural Xermolos (Guitiriz).
Con este programa, desde a Vía Galega queremos convidar a aqueles homes e mulleres que hoxe, un século despois daquela cita histórica, defenden os dereitos de Galiza como Nación, a participar nesta conmemoración e darlle continuidade a aquel facho que hai cen anos desde as Irmandades da Fala prenderon a prol da defensa dos Dereitos Nacionais do noso País
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.