Noticias

O Gaiás festexa as Letras Galegas emitindo polas redes unha lectura participativa da obra de Antonio Fraguas

A Cidade da Cultura de Galicia súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha lectura participativa e polas redes sociais, o mesmo 17 de maio, de obras do homenaxeado neste 2019, Antonio Fraguas (Cerdedo, 1905 –Santiago de Compostela, 1999). Parte das importantes achegas e achados deste investigador e divulgador da cultura popular galega serán lidas -e emitidas en liña- por aqueles visitantes que estean esa xornada no Museo Centro Gaiás, no que precisamente se realizarán visitas comentadas, e de balde, á exposición Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia. Estarán especializadas nas pezas cedidas polo Museo do Pobo Galego (MPG), institución da que foi director e tamén presidente do padroado.

As lecturas en rede están escollidas por Clodio González Pérez, etnógrafo, historiador, membro correspondente da Real Academia Galega (RAG) e persoa vencellada ao MPG e de ampla traxectoria humanista no sector cultural. Ademais de no Museo Centro Gaiás, convidaranse aos visitantes que estean por diferentes espazos da Cidade da Cultura -os arquitectónicos e tamén as áreas verdes e naturais como o Xardín Literario e o novo Xardín do Teatro- a participar deste xeito tan activo na homenaxe que as Letras Galegas lles fan a este valedor da cultura popular galega.

Ao igual que se fixo o pasado ano con escritos de María Victoria Moreno, as lecturas de traballos de Antonio Fraguas serán emitidas en liña polas diferentes redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia (Facebook, Twitter e Instagram) como un xeito de espallar as achegas e descubertas do homenaxeado coas Letras Galegas a calquera recuncho do planeta. Unha vez rematado o 17 de maio, editarase un vídeo con todos os fragmentos, que quedará para o recordo desta conmemoración na páxina web www.cidadedacultura.gal.

Actividades da Biblioteca de Galicia

Á celebración do Día das Letras Galegas da Cidade da Cultura tamén se suma a Biblioteca de Galicia, que contará cunha exposición bibliográfica, exclusivamente dedicada a Antonio Fraguas. Estará composta por obras escritas polo investigador e tamén por aquelas que participou como articulista ou prologuista.

Ademais, e ideada como actividade para público familiar, a Biblioteca de Galicia realizará un obradoiro lúdico -de balde, con necesidade de inscrición en www.cidadedacultura.gal- no que os e as participantes xogarán a construír e deconstruír un carro tradicional feito a escala.

Antonio Fraguas

Antonio Fraguas destacou como investigador nos campos da historia, da etnografía e do folclore, entre outros eidos. O seu traballo está recollido en numerosas publicacións, fundamentalmente como colaboración en revistas ou obras colectivas. Ademais, tamén publicou un considerable número de monografías, como Geografía de Galicia (1953) Historia del Colegio de Fonseca (1956). Tese de doutoramento, Aportacións ó cancioneiro de Cotobade (1985), Romarías e santuarios (1988), Do Entroido (1994) ou A festa popular en Galicia (1995).

R., 2019-05-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES