Notas de prensa

O Camiño Portugués e a súa variante costeira difúndense ata decembro en Braga coa exposición en 3D ‘De mar a mar’

A cidade portuguesa de Braga acolle desde hoxe e ata principios de decembro a exposición itinerante De mar a mar, como parte da programación do Ano do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa que a Consellería de Cultura e Turismo está a celebrar durante todo este 2018, como establece o Plan director do Camiño de Santiago.

A mostra está composta por imaxes de grandes dimensións en 3D, realizadas coa técnica estereográfica, que retratan o patrimonio, as paisaxes e aos propios peregrinos tanto do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa como do Camiño Inglés e do Camiño de Fisterra e Muxía, as catro rutas nas que o Plan director do Camiño de Santiago vén priorizando os investimentos nestes dous últimos anos coa vista no Xacobeo 2021.

Con esta exposición, o Goberno autonómico promove durante todo o ano o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa en diferentes puntos tanto de Galicia como do país veciño. Enmárcase nas accións de dinamización sociocultural que se están a levar a cabo en diferentes localidades de ambos itinerarios onde xa estivo presente esta mostra, como Pontevedra, Padrón, Coímbra ou Caldas de Reis.

De Mar a Mar poderá verse ata o 9 de decembro na sala de exposición do Centro Interpretativo da Memória da Misericordia de Braga, situada no Palacio do Raio, de martes a sábados de 10,00 a 13,00 horas e de 14,30 a 18,30 horas.

Sinerxías con Portugal

A inauguración de De Mar a Mar en Braga contribúe a seguir establecendo sinerxías entre Galicia e Portugal e alíñase con iniciativas como o proxecto europeo Fazer Caminho, que aspira a consolidar o Camiño de Santiago na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e impulsar o seu aproveitamento sustentable como un recurso cultural e natural transfronteirizo capaz de xerar actividades que contribúan ao seu desenvolvemento.

Tanto o Camiño Portugués como o Camiño Portugués da Costa están a vivir unha moi positiva evolución nos últimos anos. Xuntos aglutinan aproximadamente o 25% dos peregrinos que chegan a Santiago de Compostela. O Camiño Portugués é na actualidade o segundo itinerario preferido e o Camiño Portugués da Costa o sexto. No que vai de ano, percorréronos máis de 65.000 e máis de 13.000 peregrinos respectivamente.

De Mar a Mar, 2018-10-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES