Notas de prensa

O 'Magosto no Gaiás' trae este sábado á Cidade da Cultura a primeira foliada do outono con castañas e Xosé Lois Romero & Aliboria

A Cidade da Cultura celebra este sábado a súa primeira foliada de outono co ‘Magosto no Gaiás’. Para celebrar esta cita cultural e gastronómica con tanto arraigo na cultura popular galega, non só se contará coas imprescindibles castañas senón que se adobiará a festa cos ritmos enxebres e enérxicos de Xosé Lois Romero & Aliboria.

Non hai magosto sen castañas —coas que contará a Cidade da Cultura grazas á colaboración un ano máis da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia— e sen foliada. E para isto último o ‘Magosto no Gaiás’ contará este sábado cun músico de raíz con moito prestixio como é Xosé Lois Romero, que vén de presentar o seu último traballo xunto co grupo de percusión Aliboria e grazas ao cal obtivo o Premio Martín Códax da Música 2018 na categoría tradicional e folk.

Xosé Lois Romero leva tempo traballando con músicos consolidados no eido do folclore e, despois de anos de formación, deu un paso adiante para —tras a gravación dun disco homónimo no 2016— ofrecer un espectáculo escénico rigoroso e profesional tanto no concepto como na posta en escena. Deste xeito, nesta nova etapa con Aliboria —un colectivo de novos músicos galegos— reinventan os cantos e os ritmos enxebres de Galicia conxuntando as potentes voces das súas vocalistas cuns novos arranxos para percusión tradicional cheos de forza, raza e terra, que será o que ofrezan no ‘Magosto no Gaiás’ 2018.

Xosé Lois Romero e Aliboria animarán a festa deste Magosto 2018 subindo ao escenario do Museo Centro Gaiás bombos, pandeiros, pandeiras, tixolas, tarrañolas, cunchas, pandeiretas, latas, tambores, sachos, perfectamente conxunguidos cos cantos, os aturuxos, os bailes e a diversión.
Obradoiro de tarrañolas

Como novidade este ano, ademais de gozar da música e as castañas, aquelas persoas que lles interese poderán inscribirse nun obradoiro de percusión tradicional, centrado nas tarrañolas, impartido polo propio Xosé Lois Romero, e para o que xa quedan moi poucas entradas. Todas as persoas inscritas nesta actividade —aberta a todos os públicos pero

limitada a 15 prazas— levarán una tarrañolas de agasallo, cortesía de Xose Lois Romero, e de recordo deste especial ‘Magosto no Gaiás’ 2018.

O obradoiro terá lugar no Museo Centro Gaiás de 19 a 20 horas, antes de que dea inicio a degustación, e a entrada para esta actividade formativa dará tamén acceso ao magosto coas castañas —asadas ou como ingrediente principal en petiscos (20 horas)— e á actuación musical (a partir das 21 horas).

E para aqueles e aquelas que queiran coñecer mellor a enorme e variada familia de instrumentos de percusión galegos e as súas características, exhibirase no Museo Centro Gaiás unha pequena mostra deles. Deste xeito, o público que asista ao ‘Magosto no Gaiás’ non só poderá velos, senón tamén tocalos.
Entradas

As entradas para ‘Magostos no Gaiás’ poden adquirirse xa de forma anticipada no Museo Centro Gaiás e nos puntos de venda físicos de Ataquilla por 5 euros: en www.Ataquilla.com (+ gastos de xestión); e no mesmo día na billeteira por 6 euros. Para participar no obradoiro —con número de participantes limitados— haberá que mercar a entrada, que dará acceso a todo o festexo posterior: degustación de castañas e concerto de Xosé Lois Romero e Aliboria.

Magosto no Gaiáis, 2018-10-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES