Buscador
Noticias
O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2026) afronta a súa vindeira campaña coa maior dotación económica da súa historia, alcanzando un total de 213 millóns de euros (un 18 % máis que o ano anterior). Non obstante, alén do esforzo orzamentario en persoal e infraestruturas, o deseño estratéxico para este ano destaca pola integración de tecnoloxía de vangarda e ferramentas de participación cidadá dirixidas a optimizar a detección temperá e a capacidade de resposta operativa no monte.
As oito curtametraxes finalistas na última edición dos Premios Mestre Mateo volven percorrer Galicia como parte do Ciclo de Mestre Mateo Galicia Calidade en virtude da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Academia Galega do Audiovisual para contribuír á difusión da produción galega neste formato. Deste xeito, as oito pezas de ficción e animación que chegaron á última fase dos galardóns visitarán este ano 26 concellos galegos combinadas en dúas sesións de catro curtas segundo se trate de obras en imaxe real ou de animación. A iniciativa, que pasou xa polos municipios de Cea e Vilalba, continuará este mes coas vindeiras proxeccións en Meira (15 de xullo) e Ribadavia (28 de xullo) como parte da campaña de verán da 'Para gustos, cultura'.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios desenvolverá e ata decembro unha nova programación con 223 funcións escénicas e concertos en 39 concellos das catro provincias. Coa carteleira preparada para o segundo semestre de 2026 chégase ao 30º aniversario deste circuíto autonómico, fundado en 1996 e cofinanciado pola Xunta e as entidades locais asociadas para favorecer unha oferta estable de espectáculos maioritariamente producidos en Galicia desde os principais escenarios galegos. A programación, que se inicia o venres 11, ás 20,30 horas coa montaxe Coralinda a cargo de Elefante Elegante na Sala Bahía de Foz, reúne ata finais de ano as propostas de 109 compañías e grupos de teatro, danza, música, circo e maxia.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que Galicia será a Capital iberoamericana da gastronomía saudable entre este ano e 2027, o que servirá para potenciar a cociña galega como un dos piares da actividade turística, da proxección exterior e da identidade propia da comunidade autónoma. O titular do executivo autonómico asinou un convenio de colaboración neste sentido co presidente da Academia Iberoamericana de Gastronomía, Rafael Ansón. Durante o tempo que dure a capitalidade, organizaranse diversos tipos de actividades como campañas de difusión, elaboraranse materiais como recetarios ou revistas, así como tamén se celebrarán concursos e congresos.
Durante o ano 2025 desenvolveron unha intensa actividade tanto no ámbito da inspección como no das emerxencias marítimas. No eido da protección dos recursos mariños realizou 9.760 inspeccións en todo o litoral galego e detectou 2.589 infraccións da normativa pesqueira. Ademais, foron retiradas máis de 36.000 artes de pesca ilegais ou sen identificar e incautáronse preto de 28.000 quilos de peixe e marisco capturados de maneira irregular. En materia de seguridade marítima, o servizo atendeu 140 emerxencias, 90 de busca e salvamento e 50 de loita contra a contaminación mariña.
Presentouse en Lugo a sexta edición do evento Artesanía de Galicia no Courel, que se celebrará en diferentes localidades de Folgoso do Courel entre os días 5 e 9 de agosto e que incluirá cursos de iniciación con inscrición previa, así como obradoiros gratuítos e abertos ao público. A través desta iniciativa organizada pola Fundación Artesanía de Galicia coa colaboración deste concello lugués e da Fundación Uxío Novoneyra promóvese a presenza dos oficios artesanais nos espazos rurais e reforza a visibilidade da marca Artesanía de Galicia, ao tempo que favorece o achegamento do público ás técnicas tradicionais e aos valores do feito á man.
A creación coreográfica contemporánea chegará este mes a espazos abertos de cinco concellos galegos coa oitava edición de Danza no Camiño. O programa desenvolverá en Ferreira de Pantón, Tui, Ourense, Portomarín e Muxía a súa recta final entre o 12 e o 17 de xullo. Os espectáculos de produción galega terán unha presenza destacada nas dúas primeiras citas do festival en Galicia, nas que actuarán como convidadas as compañías de Julia Laport, Laboratorio Escénico, SóLODOS e Daniel Rodríguez Cía. Estas funcións terán lugar o domingo 12 de xullo na igrexa de Santiago de Castillón, en Ferreira de Pantón (Lugo), e o martes 14 na praza de San Telmo de Tui (Pontevedra), cunha selección de propostas que amosan diferentes linguaxes da danza contemporánea creada desde Galicia.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) vén de poñer en marcha un novo laboratorio de investigación en cuántica, que reforza as capacidades de Galicia en tecnoloxías cuánticas e completa a oferta de infraestruturas científico-tecnolóxicas do ecosistema de I+G+i. A posta en marcha deste novo laboratorio sitúa a Galicia nunha posición aínda máis competitiva neste ámbito e permite abordar de maneira integral a investigación, a experimentación, o desenvolvemento de aplicacións e a súa transferencia ao tecido produtivo.
Foron entregadas as bandeiras Q de Calidade e S de Sostibilidade ás praias e portos deportivos da comunidade recoñecidos con estes distintivos. O acto tivo lugar en Sanxenxo, o segundo municipio con máis praias certificadas coa marca Q de Calidade, só por detrás de Marbella.En total, este verán ondearán 48 bandeiras nas praias e nos portos deportivos de Galicia. Xunto co resto de establecementos e recursos certificados, este ano a comunidade galega acada unha cifra record con 429 certificacións, o que supón un 12% máis en relación ao pasado ano.
A Xunta de Galicia estendeu a alerta vermella por altas temperaturas a 138 concellos galegos, afectando principalmente ás provincias de Ourense e Pontevedra, ademais de puntos das de Lugo e A Coruña. Esta medida excepcional busca concienciar á poboación e activar os protocolos de prevención ante o risco para a saúde, especialmente para grupos vulnerables como maiores, nenos e persoas con patoloxías crónicas. O goberno galego fai un chamamento á cidadanía para seguir as recomendacións de hidratación, evitar a exposición ao sol nas horas centrais do día e tomar precaucións para mitigar os efectos da vaga de calor.