Buscador
Noticias
Este xoves 2 de xullo comeza con Carlangas unha nova edición de Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos gratuítos ao aire libre organizados na Cidade da Cultura. O ex-líder e vocalista de Novedades Carminha chega a Santiago para presentar o seu terceiro traballo en solitario, Universo Paralelo, un disco no que recupera as guitarras e o seu son máis rockeiro e no que destacan as colaboración con artistas como Leiva e Dear Joanne. A actuación adiántase ás 20,00 horas por decisión do propio Carlangas, que aspira a reunir na cidade onde medrou o maior número de fans posible. O acceso ao concerto é libre e de balde e poderá empregarse a liña 9 do autobús urbano para subir e baixar á Cidade da Cultura.
Galicia dá un paso máis cara a unha transformación dixital adaptada ás necesidades do territorio coa posta en marcha do Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade que estará situado provisionalmente no GaiasTech, ata o remate da construción do CECIGA, en Ourense. Este centro permitirá prestar servizos avanzados en ciberseguridade, apoiar o cumprimento normativo, realizar probas e validacións en produtos e servizos, potenciar o desenvolvemento de solucións innovadoras e formar a profesionais. Para acadar estes obxectivos, a nova instalación conta con dous laboratorios: un centrado en produtos con elementos dixitais e outro orientado á protección de infraestruturas e procesos produtivos fronte a riscos dixitais.
Foi aprobado o Plan director da industria TIC, unha estratexia fundamental para impulsar o sector tecnolóxico e dixital na comunidade autónoma. O obxectivo principal é consolidar Galicia como un referente europeo en dixitalización, fomentando o desenvolvemento e a competitividade das empresas TIC galegas, atraendo investimento e xerando emprego de calidade. Este plan contempla medidas para a modernización das infraestruturas dixitais, o apoio á innovación e a investigación, a formación de talento especializado e a promoción da transformación dixital en todos os sectores produtivos. Trátase dunha aposta estratéxica para o crecemento económico e a mellora da produtividade en toda Galicia.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que, entre os obxectivos principais da nova Estratexia da Biotecnoloxía en Galicia, está a incrementar nun 20% os empregos no sector para chegar aos 7.000 en 2030 así como ampliar un 15% o número de investigadores neste eido e acadar os 1.600. Durante a presentación da Estratexia da Biotecnoloxía de Galicia 2026-2030, na que estivo acompañado de Román Rodríguez e María Jesús Lorenzana, o presidente definiu o documento como 'unha visión compartida de país', as 'vimbias para facer este gran cesto do que vai ser o horizonte biotecnolóxico de Galicia os próximos cinco anos'.
Os últimos datos demográficos do Instituto Galego de Estatística (IGE) correspondentes ao ano 2025 revelan un cambio de tendencia na natalidade en Galicia. Deste xeito, os nacementos medran por primeira vez en 17 anos, rexistrándose o ano pasado 13.556, un 1,54% máis que en 2024. Estes datos apuntan á estabilización dos nacementos e constatan que Galicia está conseguindo reverter as proxeccións demográficas catastróficas de hai unha década, con 157.000 galegos máis dos previstos polo INE.
Tras varias xornadas de temperaturas sufocantes que obrigaron a activar o protocolo de niveis vermello e laranxa en múltiples comarcas do interior e da costa, o Goberno galego deu por concluído oficialmente o episodio de calor intensa en todo o territorio. Segundo os últimos informes cruzados de MeteoSalud e Meteogalicia, os termómetros regresan a valores habituais para a época estival, polo que nestes momentos ningunha zona de Galicia permanece baixo avisos de alerta sanitaria ou restricións de actividades ao aire libre.
Galicia formalizou en Bruxelas o traspaso de funcións para asumir, durante o vindeiro semestre, a representación de todas as Comunidades Autónomas de España no Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea (Agrifish). Esta función estratéxica, coordinada a través da Consellería do Mar, confírelle á comunidade a responsabilidade de liderar e defender unha postura común forte ante a Unión Europea. O propósito é garantir que o peso socioeconómico e a realidade do sector mariñeiro galego e estatal conten con argumentos científicos sólidos nas futuras negociacións.
A Xunta de Galicia vén de remitir ás organizacións sindicais a proposta para adiantar a 2028 a redución de ratios na etapa de Secundaria, que será abordada na Mesa Sectorial Docente que terá lugar o vindeiro día 30. A documentación elevada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP recolle que a partir de setembro de 2028 implantarase a redución de ratios ata 25 alumnos por aula na ESO fronte aos 30 vixentes no conxunto de España. Esta diminución arrancará para 1º curso de ESO e irá implementándose ano a ano e curso a curso. Unha vez completada toda a etapa de ESO, arrancará a redución a 30 alumnos por aula en Bacharelato, fronte aos 35 a nivel estatal, aínda que en Galicia xa está a 33.
A Cidade da Cultura rexistrou este ano o mellor primeiro semestre da súa historia ao acadar as 120.000 persoas participantes nas actividades do Gaiás. Así se informou na reunión do Padroado da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, na que se deu conta do incremento de case un 20 % na asistencia á programación durante os seus primeiros meses do ano. Estes datos consolidan a tendencia positiva e de expansión do programa cultural do Gaiás, tras pechar o pasado exercicio como o mellor da súa historia en participación. Dentro das propostas previstas para a segunda metade do ano, está unha exposición en colaboración co Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS).
O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, subliñou esta mañá en Santiago o potencial da Comunidade galega no emprego da madeira no eido da construción gracias ao esforzo de todos os axentes do sector forestal-madeira e do compromiso do Goberno galego para impulsar o emprego deste elemento nas edificacións que se están a levar a cabo na rexión co apoio da Administración autonómica. Fernández Ríos realizaba estas declaracións no marco da inauguración da xornada sobre o proxecto europeo de construción sustentable Life timber for all.