Noticias

O Carlangas máis rockeiro inaugura este xoves os concertos ao aire libre de Atardecer no Gaiás

Este xoves 2 de xullo comeza con Carlangas unha nova edición de Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos gratuítos ao aire libre organizados na Cidade da Cultura. O ex-líder e vocalista de Novedades Carminha chega a Santiago para presentar o seu terceiro traballo en solitario, Universo Paralelo, un disco no que recupera as guitarras e o seu son máis rockeiro e no que destacan as colaboración con artistas como Leiva e Dear Joanne. A actuación adiántase ás 20,00 horas por decisión do propio Carlangas, que aspira a reunir na cidade onde medrou o maior número de fans posible. O acceso ao concerto é libre e de balde e poderá empregarse a liña 9 do autobús urbano para subir e baixar á Cidade da Cultura.

Ao día seguinte, venres, o escenario da Praza central do Gaiás será para Marrit, un rapaz vigués de 26 anos que obtivo o primeiro premio na categoría de música do certame Xuventude Crea impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Talento novo con raíces galegas que bebe das influencias clásicas do pop para experimentar guitarras, teclados e sintetizadores. Neste caso, o concerto dará comezo ás 21,00 horas.

O mellor da escena musical galega

Atardecer no Gaiás continúa no mes de xullo cunha selección do mellor da escena musical galega, desde os ritmos urbanos de 9Louro, o novo tradi de Maricarme, Unto Vello e Sheila Patricia, ata o contundente stoner-rock de Bala e o punk rock guerrilleiro de Lisdexia. A proposta musical enmárcase na campaña Para gustos, cultura, que este ano chegará a 200 localidades con máis de 3.600 actividades.

A décimo sexta edición do ciclo, que conta un ano máis co apoio de Cervezas Alhambra, programa catro concertos máis en agosto, o primeiro deles coa banda compostelá de noise-rock Dogo. Séguenlle dúas citas especiais, o exclusivo set que ten preparado o dúo de electrónica lugués Galician Army como banda sonora para o eclipse total de sol do mércores 12 de agosto, e a segunda edición do Atardecer Fest, unha xornada que se dedicará aos ritmos urbanos máis actuais o xoves día 13. O peche de Atardecer no Gaiás será o venres 14 de agosto co electropop crítico e festivo de Turista Sueca, un trío formado en Barcelona con raíces en Galicia, País Vasco e Andalucía.

R., 2026-06-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES