
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou o Plan director da industria TIC 2026-2028, a folla de ruta coa que está previsto mobilizar case 62 millóns de euros en apoio ao sector. O obxectivo é mellorar a competitividade das empresas TIC, xerar emprego de calidade e facer fronte aos retos do sector, indicou.
Deste xeito, o sector TIC de Galicia conta desde hoxe cunha nova ferramenta para facilitar o proceso de transformación cara a unha economía verde e consolidar Galicia como referente europeo en dixitalización e tecnoloxías innovadoras. A nova folla de ruta mobilizará 61,8 millóns de euros en apoios ao sector, que se concretan en 77 medidas que teñen como obxectivo impulsar a creación de novas solucións e produtos ao tempo que se xera emprego de calidade e de alto valor engadido.
O TIC galego ten un considerable impacto na actividade económica pola súa alta taxa de innovación: somos a 6ª comunidade autónoma en emprendemento, con 229 startups e 15 xa consolidadas (scaleups). Un sector que se caracteriza por unha alta participación en programas europeos de I+D+i e que representa arredor do 2,5 % do PIB e o 2,2 % do emprego de Galicia, acadando as 23.467 afiliacións. Cómpre subliñar o seu ritmo de crecemento: un 21 % desde o 2020 con 4.000 novos profesionais incorporados ás 3.108 empresas que conforman o tecido industrial. E uns 3.932 millóns de euros de facturación anual no ano 2024, segundo se reflicte no informe elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga).
Malia estes bos datos, o sector TIC de Galicia, declarado estratéxico para efectos de elaborar o seu plan director, en febreiro de 2024, presenta unha importante fragmentación, unha ausencia de medianas e grandes empresas e unha excesiva especialización cara ás actividades de programación e consultoría (o 67 % dedícanse a este labor), polo que resultaba necesario impulsar a creación de novas solucións que acheguen valor engadido ao sector.
Porén, o novo plan director estrutúrase en dous obxectivos estratéxicos, 6 eixos de actuación e 8 ámbitos de prioridades que inclúen unha batería de 77 medidas dirixidas a consolidar Galicia como referente europeo na dixitalización e na adopción de tecnoloxías disruptivas, cun ecosistema TIC robusto e colaborativo que fomente o desenvolvemento económico, a creación de emprego e a transición cara a unha economía verde e dixital.
Entre as actuacións previstas para executar ata 2028 destacan, segundo indicou o presidente, una nova liña de axudas para que pequenas empresas se incorporen o negocio das tecnoloxías cuánticas e a intelixencia artificial así como a elaboración dunha estratexia do dato do sector público autonómico para unha mellor xestión e integración no marco legal vixente. Así mesmo, levaranse a cabo iniciativas para fomentar a creación de empresas con maior dimensión, capacidade tractora e cadeas de valor globais para reforzar o posicionamento internacional do sector e favorecer a escalaxe empresarial.
O plan establece un sistema de gobernanza para asegurar a súa correcta execución e seguimento, no que se garante a coordinación e a participación das entidades e axentes económicos e sociais que participaron na súa elaboración: empresas, clústeres e asociacións industriais, centros tecnolóxicos, universidades, colexios profesionais, organizacións sindicais e empresariais, e a Administración pública
Estratexia de promoción industrial
Ata o de agora, tal e como explicou o presidente, o Goberno galego ten declarados nove sectores como estratéxicos para a economía: a automoción, a construción naval, o forestal-madeira e a propia industria TIC, que xa contan con cadanseu plan director aprobado; o sector da industria alimentaria, o da función loxística, a industria da construción, a metalmecánica e o sector téxtil e da confección, que están en tramitación, completan a listaxe.
A elaboración dos plans directores dos sectores declarados estratéxicos forma parte da estratexia de promoción industrial da Consellería de Economía e Industria e complementa o Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais co obxectivo de facilitar o proceso de transformación das industrias galegas e impulsar novas oportunidades de negocio que xeren riqueza e emprego de calidade.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.