Notas de prensa

USC, Cambridge e o ICANH de Colombia revelan que agricultores prehispánicos foron os artífices dun enorme sistema hidráulico

As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corresponde á USC, á Universidade de Cambridge e ó Instituto Colombiano de Antropología e Historia.

O estudo suxire ademais que os responsables políticos colombianos deberían inspirarse neste modelo para afrontar a actual crise de xestión da auga que atravesa o país. Por parte da Universidade de Santiago de Compostela, asina a investigación o profesor da Facultade de Xeografía e Historia Miguel Carrero Pazos, xunto a Jasmine Vieri e Marcos Martinón-Torres da Universidade de Cambridge, e Fernando Montejo Gaitán do ICANH.

Os sistemas de campos elevados prehispánicos de La Mojana, no Caribe colombiano, son tan extensos que poden observarse desde un avión a enorme altitude. As súas canles e campos elevados, utilizados desde os primeiros séculos antes de Cristo ata o século XI d. C., cobren unhas 500.000 hectáreas, unha superficie equivalente aproximadamente á do Parque Nacional do Gran Cañón ou tres veces o tamaño de Londres. Tradicionalmente asumíase que unha infraestrutura de semellante complexidade só podía ser planificada e xestionada por gobernantes poderosos, dada a magnitude do proxecto e o enorme esforzo que se consideraba necesario para levalo a cabo.

O estudo publicado este martes 11 sostén que, con toda probabilidade, estes traballos foron impulsados polas comunidades locais, “baseados na cooperación e executados nun tempo moito menor do que se supuxera ata o de agora”. Os resultados teñen unha enorme relevancia desde o punto de vista histórico, á vez que ofrecen esperanza para as comunidades colombianas que afrontan na actualidade unha crise de xestión da auga relacionada co cambio climático, a agricultura intensiva e o fracaso de determinadas políticas públicas. “Estes sistemas agrícolas son tan impresionantes que sempre se deu por feito que só puideron construírse baixo o mando de xerarquías organizadas arredor de caciques. Os nosos datos contan unha historia moi distinta”, sinalan dende o equipo investigador. "Os nosos resultados indican que as comunidades locais foron capaces de construír estes sistemas en períodos moi curtos de tempo e de organizarse por si mesmas, sen depender dunha autoridade poderosa externa”, engaden.

As sociedades responsables destes sistemas hidráulicos en La Mojana foron contemporáneas dos mayas e doutras sociedades estatais de Mesoamérica e dos Andes, que algúns séculos máis tarde culminarían nos grandes imperios azteca e inca. As poboacións prehispánicas ocuparon unha rexión onde, como sinalan os investigadores, non existe evidencia de sociedades estatais. Ata o de agora, e apoiándose en achados como a sofisticada ourivaría e a cerámica, interpretárase que se trataba de xerarquías caciquiles en proceso de converterse en estados. “Pola contra, os novos resultados apoian a idea de que estas comunidades optaron por formas de organización moito máis horizontais e, aínda así, foron capaces de alcanzar logros extraordinarios”, destacan. O sistema de campos elevados permitía xestionar enormes cantidades de auga durante as épocas de choiva intensa, e redistribuíla gradualmente durante os meses secos, amortecendo tanto as inundacións como as secas. A rede de canles redistribuía a auga desde corpos de auga permanentes cara as áreas elevadas onde se asentaban as vivendas. O sistema proporcionaba solos máis fértiles para o cultivo durante a estación seca e probablemente tamén favorecía a captura de peixes.

Estudaron o equivalente a 700 campos de fútbol

Mediante imaxes de satélite, o equipo cartografou unha superficie de 500 hectáreas —equivalente aproximadamente a 700 campos de fútbol— destes sistemas agrícolas prehispánicos no municipio de San Marcos, departamento de Sucre. Analizaron a infraestrutura cun nivel de detalle sen precedentes, rexistrando as dimensións e o volume de 1.600 camellones e 63 plataformas habitacionais. Os seus cálculos indican que, cando foron construídas, estas estruturas alcanzaban aproximadamente 1,4 metros de altura, medidos desde a parte superior do camellón ata o punto máis profundo da canle. Posteriormente, o equipo internacional desenvolveu un novo método para cuantificar o traballo necesario para construír este sistema e analizou o tipo de organización social e espacial que probablemente fixo posible este esforzo colectivo. “Estamos convencidos de que un destes sistemas de canles e camellones puido construírse en menos de dous meses, aproximadamente a metade dunha estación seca. Trátase dun investimento de traballo moi inferior á que se supuxera ata o de agora, e perfectamente asumible mediante cooperación comunitaria”, explican.

Para realizar as súas estimacións, o equipo tivo en conta tanto o volume de terra mobilizada como información sobre a xeoloxía local, as prácticas de traballo indíxenas, a densidade de poboación e a tecnoloxía dispoñible naquela altura. Partindo dunha poboación estimada de 1.600 habitantes na área de estudo, calcularon unha forza de traballo dunhas 800 persoas, unha cifra que consideran conservadora, dado que a evidencia etnográfica mostra que, tradicionalmente, homes, mulleres e probablemente tamén cativada participaban nos labores agrícolas de subsistencia. Os solos do Caribe colombiano son de arxila pesada, o que dificultaría considerablemente o traballo. Ademais, naquela época non existían pas metálicas na rexión. É posible que os traballadores utilizar ferramentas de madeira, aínda que esta hipótese aínda non puido demostrarse.

O estudo forma parte do proxecto REVERSEACTION, financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC) e coordinado desde a Universidade de Cambridge, que investiga como as sociedades sen estado desenvolveron tecnoloxías complexas e como a acción colectiva pode alcanzar grandes logros sen necesidade de coerción. “As interpretacións que atribúen automaticamente este tipo de obras a unha planificación centralizada e de arriba abaixo, sen estar apoiadas por datos, corren o risco de invisibilizar a capacidade de actuación das poboacións indíxenas prehispánicas. Estas sociedades foron innovadoras e cooperativas; traballaban coa natureza en lugar de intentar impoñerlle barreiras. Ademais, xa sabemos que recuperar prácticas ancestrais ten hoxe un impacto social positivo ao permitir que as comunidades locais reconecten co seu patrimonio a través da tecnoloxía”, afirman.

Futuras políticas públicas

As evidencias do uso destes sistemas de campos elevados desaparecen antes da chegada dos españois no século XVI. Non se coñece con certeza por que deixaron de utilizarse, aínda que se expuxo a hipótese de que parte da poboación se desprazou desde as terras baixas cara a zonas montañosas. O equipo sostén que esta solución prehispánica de xestión sostible da auga podería volver ser adoptada polas comunidades locais sen necesidade dunha intervención directa do Estado. En lugar de redistribuír o fluxo natural da auga, as políticas públicas colombianas optaron con frecuencia por unha estratexia oposta: intentar bloquealo mediante diques para previr inundacións e adaptar o territorio a modelos agrícolas e gandeiros propios de rexións non inundables. Con todo, estes diques demostraron ser incapaces de conter a auga. Desde 2021, o dique de Caregato sofre múltiples roturas que xa provocaron perdas importantes para as comunidades locais e graves danos ambientais. Noutros períodos, a rexión padece intensas secas. “Os responsables das políticas públicas mostraron interese por estes sistemas hidráulicos antigos, pero ata o de agora carecían de datos suficientes. O noso estudo é o primeiro que demostra que estas solucións sostibles poden organizarse de xeito local e colectivo. As comunidades poden necesitar recursos do Estado, pero non necesariamente a súa intervención directa”, subliñan. Os investigadores publicaron ademais o código utilizado neste traballo realizado mediante software libre, co obxecto de que outros equipos científicos poidan aplicar a mesma metodoloxía a conxuntos de datos procedentes doutras rexións.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-08-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Área TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES