Noticias

A Xunta remite ás organizacións sindicais a proposta para a redución de ratios na etapa de secundaria

A Xunta de Galicia vén de remitir ás organizacións sindicais a proposta para adiantar a 2028 a redución de ratios na etapa de Secundaria, que será abordada na Mesa Sectorial Docente que terá lugar o vindeiro día 30. A documentación elevada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP recolle que a partir de setembro de 2028 implantarase a redución de ratios ata 25 alumnos por aula na ESO fronte aos 30 vixentes no conxunto de España. Esta diminución arrancará para 1º curso de ESO e irá implementándose ano a ano e curso a curso. Unha vez completada toda a etapa de ESO, arrancará a redución a 30 alumnos por aula en Bacharelato, fronte aos 35 a nivel estatal, aínda que en Galicia xa está a 33.

Así pois, este vindeiro curso 2026-27 complétase a redución de ratios de 25 a 20 alumnos en toda a etapa de Infantil, en setembro do vindeiro ano 2027 arranca a mesma redución na etapa de Primaria (que tamén pasa de 25 a 20) en ao ano seguinte, en setembro de 2028, arrancará a rebaixa en Secundaria.

Coa redución de ratios en Secundaria queda pechado o novo paquete de melloras no ensino que amplían e intensifican o alcance das medidas do Acordo de 2023 enfocadas a blindar a calidade do sistema educativo galego e que abrangue tres puntos: os dous selados hai unhas semanas que blindan o reforzo da atención á diversidade (coa contratación ou consolidación de 400 profesionais) e as condicións do traballo do profesorado de ESO, Bacharelato, FP e Réxime Especial (como xa se fixera antes co de Infantil e Primaria) para un mellor servizo ao alumnado e un terceiro punto, de redución de ratios, que se aborda agora.

Instrucións de inicio de curso

Por outra parte, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar as instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatorio e Bacharelato para o curso académico 2026-27 que, en xeral, van na mesma liña que en anos anteriores.

Para ofrecer maior certeza e seguridade aos centros, estas instrucións desenvolven máis a fondo os criterios de organización das actividades complementarias co obxectivo de fomentar unha maior harmonía e equilibrio, polo que non poderán supoñer unha alteración significativa do normal desenvolvemento da actividade lectiva nin a substitución sistemática das actividades ordinarias de aula.

Para isto, os centros deberán manter unha distribución equilibrada das actividades complementarias, evitando a súa concentración en determinados períodos (como os de avaliacións ou finais de trimestre) e evitando a participación reiterada dos mesmos grupos ou determinados niveis educativos. Ademais, a participación en actividades complementarias organizadas por administracións ou entidades alleas ao centro educativo deberán responder sempre a criterios de pertinencia pedagóxica e estar vinculadas ao currículo e aos ámbitos das materias cursadas polo alumnado.

Por outra parte, tamén se recolle a formación en emerxencias e protección civil para alumnado de ESO, con actuacións específicas neste ámbito. Esta formación terá carácter obrigatorio, cunha carga lectiva mínima de catro horas anuais en cada un dos cursos da ESO.

R., 2026-06-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES