
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, lembrou no acto de inauguración que entre os principais retos da ciberseguridade en Galicia atópanse a gobernanza tecnolóxica e a resiliencia e a Administración cento por cento dixital, coa universalización dos trámites en liña, a creación de servizos proactivos e cunha Administración máis eficaz, máis personalizada e máis accesible, garantindo a seguridade en todo o proceso de relación da cidadanía coa Administración.
Referiuse tamén á necesidade de que se garantan os principios éticos e a protección dos dereitos no uso das tecnoloxías que se alimentan de datos; a desenvolver un territorio conectado cun uso universal das tecnoloxías plenamente seguro, e a impulsar a seguridade e dixitalización do tecido produtivo de Galicia.
Destacou que estas instalacións son un exemplo de colaboración público-privada en materia de ciberseguridade. Un ámbito cada vez máis importante e ao que dedicamos cada vez máis recursos, dixo, subliñando que, desde o ano 2022, a Xunta leva investidos na Administración autonómica en torno a 45 millóns en actuacións de ciberseguridade.
Logo de resaltar que este proxecto forma parte da iniciativa RETECH, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGeneration-EU, Miguel Corgos concluíu facendo fincapé en que Galicia pode e debe aproveitar a oportunidade que representan as tecnoloxías para vertebrar o territorio, achegar a Administración e os servizos públicos a toda a cidadanía, igualar as oportunidades no rural e, desta maneira, aproximarse a Europa e o mundo.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.