
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor esta mañá os últimos datos demográficos do Instituto Galego de Estatística (IGE) correspondentes ao ano 2025, que revelan un cambio de tendencia na natalidade en Galicia. Deste xeito, destacou que os nacementos medran por primeira vez en 17 anos, rexistrándose o ano pasado 13.556, un 1,54% máis que en 2024.
Fabiola García manifestou que estes datos apuntan á estabilización dos nacementos e constatan que Galicia está conseguindo reverter as proxeccións demográficas catastróficas de hai unha década, con 157.000 galegos máis dos previstos polo INE. Isto demostra, segundo destacou, que as medidas de apoio ás familias postas en marcha pola Xunta están a dar resultado, tales como: a gratuidade total das escolas infantís, as casas niño no rural, o Bono Concilia Familia ou a Tarxeta Benvida.
Por último, a conselleira de Política Social e Igualdade asegurou que a Xunta seguirá traballando para consolidar a Galicia Calidade que todos queremos, facendo cada vez máis da nosa comunidade unha terra de oportunidades e o mellor lugar para formar unha familia.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.