
Galicia formalizou hoxe en Bruxelas o traspaso de funcións para asumir a representación do conxunto das Comunidades Autónomas en materia de pesca nos Consellos de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea (Agrifish). Esta designación, de carácter semestral, efectúase consonte ao sistema de rotación regulado ao abeiro dos acordos da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE).
O encontro, no que tamén participou Andalucía, como comunidade saínte nesas mesmas funcións, celebrouse na sede da Representación Permanente de España ante a UE (Reper) e tivo un carácter informativo e de coordinación loxística,. Alí, a delegación galega mantivo unha sesión de traballo dirixida a avaliar o peche das accións desenvolvidas baixo a presidencia semestral saínte de Chipre, así como a analizar as liñas estratéxicas e o novo programa que guiará a vindeira presidencia de Irlanda.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou que o Goberno galego asume este liderado "coa máxima responsabilidade, lealdade institucional e co firme compromiso de traballar cunha soa voz a carón do ministro do ramo, Luís Planas, en defensa dos intereses do sector.
O obxectivo central desta folla de ruta institucional liderada pola Consellería do Mar é forxar unha posición común forte e consensuada entre todas as autonomías, garantindo que as realidades socioeconómicas do sector pesqueiro e marisqueiro sexan defendidas con argumentos científicos sólidos nas negociacións en Bruxelas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.