Buscador
Noticias
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, interveu na Conferencia da Alianza de Rexións Europeas con Industria da Automoción, onde defendeu a necesidade de que os fondos europeos que permiten apoiar os sectores industriais sigan sendo xestionados polas rexións. No encontro, celebrado no marco dos traballos para avanzar no Plan de Acción para o sector do automóbil que presentou a Comisión Europea en marzo, Nicolás Vázquez remarcou que Galicia é partidaria de que se manteña a descentralización dos fondos de cohesión.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe o nome dos cinco galardoados coas Medallas Castelao 2025, despois de que o Consello aprobase esta mañá concedérllelas ao grupo Luar na Lubre, ao escritor Víctor Freixanes, ao empresario Emilio Pérez Nieto, á médico de familia Rosa Rodríguez Álvarez e á Asociación Galega de Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica (Agaela). 'Trátase dun dos recoñecementos máis importantes que outorga a nosa comunidade', subliñou. Rueda salientou que unha das medallas vai para o grupo Luar na Lubre, unha das bandas de música de raíz 'máis internacional de Galicia' e que neste 2025 celebra o seu 40 aniversario.
O Consello da Xunta autorizou a interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra o Real decreto lei 2/2025, do 18 de marzo, sobre a repartición de menores migrantes non acompañados, que o Goberno central impón ás comunidades autónomas, despois de recibir o pronunciamento favorable do Consello Consultivo de Galicia. O CCG emitiu un ditame no cal indica que esta norma invade as competencias autonómicas en materia de asistencia social e protección de menores. No seu pronunciamento, este órgano sinala que o Real decreto - lei sería inconstitucional, cando menos, en seis artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
A Consellería do Medio Rural xa executou, a data 8 de xuño, o 93 % dos pagos correspondentes á campaña da Política Agraria Común (PAC) 2024. Así, Galicia sitúase como a segunda comunidade autónoma en acadar un maior nivel de execución neste período. A tres semanas de rematar os pagos desta campaña, que teñen que estar aboados o 30 de xuño, só catro comunidades autónomas se atopan por riba do 90 % de execución -entre elas Galicia-. Actualmente hai sete comunidades entre o 70 % e o 80 %, mentres que cinco comunidades máis están por baixo do 70 %.
A Filmoteca de Galicia recibiu esta mañá na súa sede da Coruña o alumnado dos tres colexios galegos participantes no programa Cinema en curso para a estrea das películas que realizaron co acompañamento dos cineastas Alejandro T. Tarraf, Fon Cortizo e Ángel Santos no marco desta iniciativa pedagóxica internacional. Nesta nova edición de Cinema en curso participaron 44 estudantes e sete docentes de sexto de Primaria dos colexios A Reigosa de Ponte Caldelas, A Rúa de Cangas e Tenorio de Cerdedo-Cotobade. A Filmoteca encárgase da coordinación na nosa Comunidade deste proxecto internacional impulsado pola asociación A Bao A Qu, cuxa metodoloxía fundaméntase no vínculo entre ver e facer cinema.
A Real Academia Galega incorpora doce novos concellos das catro provincias galegas á nova edición da campaña 'Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra', coa que se salvagarda e divulga o importante patrimonio inmaterial que atesoura a toponimia galega. Este proxecto conta xa con case 4.000 colaboradores e preto de 90.000 microtopónimos recuperados desde que se puxo en marcha en 2019, e conta coa innovadora aplicación Galicia Nomeada, a través da cal os colaboradores poden achegar nomes de lugares, montes, leiras, fontes, camiños, regos, ou devesas dos que teñan constancia, evitando que cheguen a perderse.
As tres universidades públicas galegas ofertarán o vindeiro curso catro dobres graos e 12 másteres de nova implantación, dentro das 17.102 prazas universitarias totais dispoñibles, tal e como avaliou o Consello Galego de Universidades na súa reunión de hoxe. Coma todos os anos, a oferta deberá ser ratificada definitivamente polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través da Conferencia General de Política Universitaria. No que atinxe ás titulacións de grao, condicionado á resolución de verificación favorable a nivel estatal, o Consello Galego de Universidades na súa reunión de hoxe autorizou a implantación de dobres graos nas universidades da Coruña e de Vigo.
'Boris Savelev. Viewfinder, unha forma de mirar' é a retrospectiva máis ampla realizada ata hoxe sobre o fotógrafo de orixe ucraína. Abrangue desde as primeiras imaxes en branco e negro que tomou nos anos 70 na Unión Soviética, os seus traballos con película en cor como freelance para publicacións rusas e estranxeiras, ata a adopción, a mediados dos anos 90, da fotografía dixital. Poderá visitarse ata o mes de novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Entre as máis de cen fotografías que compoñen o proxecto expositivo atopamos instantáneas inéditas tomadas nos últimos tres anos entre Cambados, Lugo, Vigo e Santiago.
Carlos Núñez presenta nas Ermidas a súa xira 'Lugares Máxicos 2025' da man dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. O artista actuará no Adro do Santuario do concello do Bolo o xoves, 17 de xullo, contra ás 20.00 horas. As Ermidas acollerá, así, esta nova xira de Carlos Núñez que se presenta coma un percorrido musical polos espazos singulares da comunidade. Carlos Núñez está considerado internacionalmente como un músico extraordinario. O seu carisma, a súa enerxía, o seu espírito pioneiro fixérono moi popular, transcendendo os límites habituais dos seus instrumentos: a gaita e as frautas. Agora, no marco dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, ofrece un novo e singular directo, nun marco patrimonial que arroupará como ningún outro ou seus máxicos sons.
Os datos oficiais ratifican que Galicia consolida o seu liderado na taxa de escolaridade de 0 a 3 anos, manténdose por riba do 60% e superando en case 13 puntos a media de España. Esta porcentaxe sitúa á comunidade galega ao nivel dos países con maiores índices de benestar en Europa, como Suecia ou Dinamarca. A conselleira Fabiola García destacou que este liderado é consecuencia directa da aplicación do programa da gratuidade da Xunta, xa que desde que se comezou a implantar hai tres cursos a porcentaxe de matriculacións neste 1º ciclo de Educación Infantil aumentou en 14 puntos.