
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor esta mañá os datos oficiais que ratifican que Galicia consolida o seu liderado na taxa de escolaridade de 0 a 3 anos, manténdose por riba do 60% e superando en case 13 puntos a media de España. Esta porcentaxe sitúa á comunidade galega ao nivel dos países con maiores índices de benestar en Europa, como Suecia ou Dinamarca.
Na súa intervención, Fabiola García destacou que este liderado é consecuencia directa da aplicación do programa da gratuidade da Xunta, xa que desde que se comezou a implantar hai tres cursos a porcentaxe de matriculacións neste 1º ciclo de Educación Infantil aumentou en 14 puntos. Lembrou, ademais, que a Xunta destina 65M ao ano a esta medida, que segue sen contar con ningún apoio económico do Goberno central e que supón para as familias galegas un aforro de máis de 3.000 euros por curso.
Ademais, a conselleira puxo en valor que Galicia é a comunidade autónoma onde o programa da gratuidade é máis completo, xa que ningunha outra ofrece ata 8 horas diarias e 11 meses por curso atención educativa totalmente de balde ao 100% do alumnado e en todas as escolas infantís: as públicas, as de iniciativa social e as privadas. A través desta medida, a Xunta pon a disposición das familias máis de 32.000 prazas gratuítas.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.