Noticias

A Xunta interpoñerá un recurso de inconstitucionalidade contra o Real decreto lei que impón a repartición de menores migrantes ás CC.AA.

O Consello da Xunta autorizou a interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra o Real decreto lei 2/2025, do 18 de marzo, sobre a repartición de menores migrantes non acompañados, que o Goberno central impón ás comunidades autónomas, despois de recibir o pronunciamento favorable do Consello Consultivo de Galicia. O CCG emitiu un ditame no cal indica que esta norma invade as competencias autonómicas en materia de asistencia social e protección de menores. No seu pronunciamento, este órgano sinala que o Real decreto - lei sería inconstitucional, cando menos, en seis artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello da Xunta autorizou hoxe a interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra o Real decreto lei 2/2025, do 18 de marzo, sobre a repartición de menores migrantes non acompañados, que o Goberno central impón ás comunidades autónomas, despois de recibir o pronunciamento favorable do Consello Consultivo de Galicia (CCG). “O dictame deste órgano consultivo dá varias razóns e argumentos xurídicos. O principal é que hai unha invasión clara das competencias autonomías”, destacou o presidente.

O Consello Consultivo de Galicia emitiu un ditame no cal indica que esta norma invade as competencias autonómicas en materia de asistencia social e protección de menores. No seu pronunciamento, este órgano sinala que o Real decreto - lei sería inconstitucional, cando menos, en seis artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

Neste sentido, o ditame do CCG destaca que, malia que o Estado invoca as competencias en materia de inmigración e estranxeiría para fundamentar a regulación do RDL, en realidade estamos ante unha materia vinculada ás competencias de asistencia social, que lle corresponde en exclusiva á comunidade autónoma. O titular do Executivo galego apuntou que o ditame cuestiona a exixencia do acordo unánime sobre o que descansa a regulación, xa que na súa falta (para o que bastaría o voto en contra, por exemplo, do representante estatal na Conferencia sectorial) a intervención pasa a ser estatal, co que se impide a participación da Comunidade no que debe ser un proceso colaborativo: “Trátase dun decreto sen obxectivar e sen ter en conta ás que teñen que prestar os servizos, que son as comunidades autónomas”, salientou Rueda.

O Consello Consultivo tamén cuestiona o uso do Real decreto lei para este suposto, xa que se trata dunha figura á cal se debe recorrer en casos de urxente e extraordinaria necesidade, tal como se recolle no artigo 86 da Constitución. Neste caso non estaría xustificado, ao ser unha situación que se vén producindo nos últimos oito anos. Nesta liña, o Consultivo lembra que desde 2022 se produciron varios acordos sobre esta materia na Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia.

Tras a valoración favorable por maioría do Consello Consultivo de Galicia, Rueda anunciou que a Xunta vai interpoñer o recurso de inconstitucionalidade ante unha norma que considera que invade competencias autonómicas, que “prexudica claramente o sistema de protección da infancia”, e que deseña un modelo que obriga a Galicia a empregar os seus propios fondos para prestar un servizo que vén imposto polo Estado sen consenso previo.

Neste sentido, Rueda apuntou que a Xunta de Galicia sempre votou a favor das distintas reparticións de menores migrantes non acompañados no seo da Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia, xa que todos eles se realizaron de xeito consensuado, planificado e con financiamento por parte da Administración xeral do Estado, que é o que segue demandando o Goberno galego: “Galicia non se vai negar nunca a ser solidaria, pero demandamos que as cousas se fagan ben, con planificación e financiamento”, salientou. Pola contra, o Real decreto - lei anula o consenso e a participación das comunidades autónomas, e opta pola vía da imposición, ao tempo que o propio Goberno central recoñeceu que non prevé achegar financiamento por estes traslados.

R., 2025-06-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES