Archivo (3 del 2025)

Buscador

Noticias

Lenny Kravitz, Paloma San Basilio, Chayanne, Alanis Morissette e Lionel Richie, entre outras grandes figuras do panorama musical internacional visitarán este 2025 a cidade da Coruña da man dos Concertos do Xacobeo. Este programa inclúe unha proposta ampla e plural, que apoia os principais eventos musicais da comunidade, entre eles, o Gozo Festival e o Morriña Festival. Os Concertos do Xacobeo regresan así, un ano máis, para situar a Galicia como un dos destinos referentes para os públicos coas preferencias culturais máis esixentes e diversas. Lenny Kravitz será o primeiro artistas en visitar a cidade herculina no marco do Gozo Festival.
A gala de entrega dos Premios da Cultura Galega 2024 celebrarase o vindeiro 23 de abril no Teatro Jofre de Ferrol. A celebración na cidade departamental segue a senda iniciada en 2019, cando os Premios da Cultura Galega se organizaron por vez primeira fóra da capital de Galicia, escollendo como acto para a cerimonia o mosteiro ourensán de Montederramo. Seguiulle nesta estratexia o Teatro Afundación, en Vigo, en 2020. Tras dous anos que se viron afectados pola pandemia, retomouse a súa descentralización coa celebración no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, no ano 2023. O ano pasado escolleuse para este acto o convento de Santa Clara, en Pontevedra.
O Instituto Nacional de Estatística (INE), fixo hoxe públicos os datos turísticos do pasado mes de febreiro que constatan un crecemento do 1,7% en viaxeiros aloxados en hoteis e pensións da comunidade. En concreto, foron 207.958 persoas que fixeron 361.675 noites nos establecementos hoteleiros. Os datos rexistrados indican que con case 208.000 viaxeiros, Galicia marca un máximo histórico no mes de febreiro en hoteis e pensións. Estes datos completaranse cos do resto de aloxamentos que de novo fará públicos o INE nos vindeiros días. O turismo de ámbito nacional, con 171.000 noites o pasado mes de febreiro tamén rexistra a cifra máis elevada desde 2008.
Máis do 65 % dos servizos de atención primaria de Galicia xa contan cun Plan local de Saúde, que adaptan a asistencia sanitaria ás necesidades de cada poboación, e dos que se benefician máis de 1,7 millóns de galegos e galegas. Desde a posta en marcha dos primeiros 14 plans locais de saúde no ano 2022, este modelo estendeuse ata acadar na actualidade 95 servizos de atención primaria. O obxectivo é que no ano 2026 estes plans cheguen á totalidade dos servizos deste nivel asistencial. A idea é que o persoal de cada centro participe en labores de promoción e prevención da saúde, en colaboración cos servizos do seu concello, os centros educativos, os servizos sociais, as asociacións e a cidadanía.
O Centro Dramático Galego coproduce coa creadora Cris Balboa e o Centro Dramático Nacional o espectáculo Roland mon amour, que se estrea mañá no Teatro María Guerrero de Madrid, onde permanecerá en cartel ata o 20 de abril. Desde a sede da compañía pública estatal porá rumbo cara á da unidade teatral da Xunta de Galicia, no Salón Teatro de Santiago de Compostela, para ofrecer unha función o 10 de maio como parte do festival Escenas do Cambio, promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Cris Balboa é a autora, directora e intérprete desta peza de artes vivas, que ela mesma define como “monodrama de desexo e música” e na que mestura o son electrónico, a acción escénica e o movemento para converter o teatro nun acto de conexión íntima e compartida.
A área de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo acaba de realizar un procedemento pioneiro no mundo no que conseguiu reparar unha válvula mitral con fuga severa por rotura das cordas tendinosas implantando novas cordas artificiais a través dun acceso venoso e sen necesidade de cirurxía aberta. Este caso é o primeiro no mundo incluído no estudo de viabilidade do uso deste novo dispositivo transcateter chamado ChordArt (Coremedic GmbH), con tres implantes no mesmo paciente. Desta forma, o Hospital Público Álvaro Cunqueiro convértese nun dos primeiros hospitais do mundo en realizar esta técnica, situando o Servizo Galego de Saúde á vangarda neste tipo de tratamentos, sendo ademais un galego, o profesor Alberto Weber Varela, o inventor deste novo dispositivo.
O cambio de hora para adoptar o horario de verán produciuse en boa parte dos Estados Unidos o pasado 9 de marzo no medio dun debate público arredor da súa pertinencia. Nun contexto no que a administración Trump considera a posibilidade de abolir a mudanza horaria, unha investigación das universidades de Santiago e de Sevilla reivindica a súa vixencia comparando os casos das cidades de Bogotá e Nova York, situadas no mesmo meridiano pero a distintas latitudes. A falta de poucos días para que a mudanza se produza tamén en Europa, o estudo titulado 'Assessing the best hour to start the day' revisa o impacto do cambio de hora na saúde humana considerando dous tipos de efectos: os asociados coa mudanza en si, e os vinculados cos meses nos que está vixente o horario de verán.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe a importancia de que exista un diálogo fluído entre Alcoa e o comité de empresa nun ano, dixo, que vai ser 'crucial' para a compañía, posto que sairá da súa condición de empresa en crise e poderá ter acceso, polo tanto, a axudas públicas e outras vías de financiamento. Segundo apuntou, para iso, o prazo que manexa a propia Alcoa é o último trimestre de 2025 cando, engadiu, ao superar esa condición 'vai poder abrir todo un campo de vías tanto de financiamento como de apoios públicos'. 'Cremos que este ano é crucial', sinalou Lorenzana, para que 'xa poida comezar a funcionar no mercado económico con normalidade'.
O número de emigrantes galegas e galegos —persoas que naceron en Galicia e residen no exterior— volve baixar un ano máis en 2.172 persoas, continuando a tendencia dos últimos exercicios. En paralelo, a poboación galega total que reside no exterior increméntase debido ás novas inscricións de persoas descendentes de galegas e galegos nacidas no estranxeiro, ata alcanzar os 548.252 (incremento de 13.280 persoas, un 2,42%) a 1 de xaneiro de 2025, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE).
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou na Asemblea Extraordinaria da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) na que reivindicou a descentralización da xestión pesqueira a través dunha maior participación das rexións marítimas na toma de decisións. Así, subliñou que resulta esencial impulsar garantir a participación proactiva das autoridades rexionais, xunto coas institucións comunitarias, Estados membros, organismos científicos e o propio sector, entre outros, nun marco de cooperación entre os diferentes axentes implicados.
« Anterior | 2  de  5 | Siguiente »

Archivo

2025 (168)

2024 (514)

ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES